O Salón do Automóbil de Vigo, a foto dun sector en que triunfan os coches chineses
Neste 2026 as preferencias dos compradores apuntan cara os híbridos enchufables fronte aos eléctricos e os non prexuízos cara mercar coches chineses
O coche máis admirado foi o TESLA Cybertruck, o coche de Elon Musk que polas súas dimensións non está homologado para a súa venda en Europa
Remata o Salón do Automóvil de Vigo que despois de trinta e cinco edicións está consolidada como un dos grandes escaparates do sector do motor na Península Ibérica.
Desta exposición de coches no IFEVi, uns 20000 metros cadrados, extraemos unha instantánea do momento que vive o sector automobilístico.
Esta é unha feira máis que para miróns e para paseantes para xente que realmente a curto ou medio prazo está interesada en mercar un coche. De feito o director da mostra conta a Televisión de Galicia que nos cinco días do salón se moveron 17 millóns de euros.
24 marcas asiáticas, xaponesas, coreanas e delas 15 son chinesas, a prezos máis accesibles que as europeas ou americanas. O público deixa atrás os seus prexuízos ante estos coches, especialmente os chineses.
"Cando moitas veces falamos de algo chinés pensamos en algo pexorativo..., pero a verdade é que cando os chineses veñen ao mercado europeo, un mercado xa moi consolidado no mercado da automoción, están entrando e están vendendo. E estamos dándonos de conta que teñen un produto de calidade, tanta como pode ter o mercado europeo. Bo prezo, boa calidade e talleres autorizados sen problemas de pezas e garantías...todo é síntoma de triunfo", conta Xosé Luis González, o xerente de Integralmotion que levou á feira coches asiáticos.
Os asistentes ao salón dan as claves das preferencia de hoxe de cara a mercar un coche novo: híbridos enchufables e modelos chineses que son máis accesibles aos soldos medios españois.
Os que veñen a este salón necesitan cambiar o seu coche vello e para iso hai que estudar ben a relación entre a calidade e o prezo.
"Porque non podemos esquecer que este certame ten unha filosofía netamente comercial. O que nós agardamos é que o Salón sirva para clarificar as ideas e que sirva como impulso das vendas de automóbiles na Comunidade Autónoma", matiza Xosé Enrique Elvira, o organizador do Salón do Automóbil.
55 marcas á vista con modelos que aínda non están na rúa e a rareza do salón, o TESLA Cybertruck, non homologado para a venda en Europa. O que o queira, por máis de 400.000 euros ten que mercalo nos Estados Unidos e homologalo individualmente.