Publicador de contidos

Publicador de contidos

O sector do transporte busca novos condutores coa oferta de sacar o carné gratis

O sector do transporte busca novos condutores coa oferta de sacar o carné gratis

Os baixos salarios e a dificultade para conciliar complican atopar choferes para os camións

A patronal de Pontevedra estrea un programa de emprego que permite obter o permiso de balde

Os alumnos son desempregados de longa duración, persoas de máis de 45 anos ou inmigrantes

 

G24.gal 06/05/2025 14:48

O transporte busca solucións para unha das súas maiores cargas, a falta de condutores para os camións. É un problema que pesa cada vez máis neste negocio. A propia patronal recoñece que os salarios son baixos porque o sector está moi atomizado e hai moita competencia. Pero, ademais, conducir un tráiler é difícil en todos os sentidos.

"O problema máis importante é o da conciliación", admite a xerente da Asociación de Transporte de Mercancías de Pontevedra, María Álvarez, "sobre todo no longo percorrido, que implica botar fóra da casa incluso dúas ou tres semanas".

Por iso, Asetranspo puxo en marcha un novo programa para atopar choferes. Intentan recrutalos entre perfís de difícil inserción laboral. A condición é que ten que ser xente disposta a facer sacrificios.

"No meu caso penso que ben. Estou solteiro, non teño parella, así que non me vai afectar en exceso", cóntanos Raúl Rivero, un alumno da Guarda.

"Sobre todo, o que máis me chama a atención é viaxar", afirma Inma Ruíz, unha sevillana que deixou a hostalaría na procura doutro emprego, "facer tramos longos, internacionais e moverme dun sitio a outro".

"Son persoas con inserción difícil, menores de trinta anos, maiores de corenta e cinco, desempregados de longa duración, persoas con algunha discapacidade", explica a responsable do programa, Rosa Fernández.

No curso anotáronse cen persoas. Inclúe formación en loxística e unhas prácticas de condución de camións. As clases de destreza impártense nun recinto de Rande, en Redondela.

"Que sexan moi previsores con respecto aos demais usuarios da vía pública", é o máis importante, sinala Juan Antonio Álvarez, o profesor da autoescola de Asetranspo. "Porque estes son vehículos de grandes dimensións, con enerxía cinética e é moi complicado frealos".

Sacar o carné para conducir un gran camión pode custar entre dous mil e tres mil euros. É un obstáculo máis para que se formen máis condutores. O programa da patronal de Pontevedra ofrece conseguir o permiso gratis, só hai que pagar as taxas. A maiores, Asetranspo estrea este curso outro plan piloto: o primeiro grao de FP de condutores profesionais de Galicia, que se está impartindo en Vigo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade