A UE permitirá conducir desde os 17 anos incluso camións se se vai acompañado
Aplicará a retirada transfronteiriza do carné por infracción grave e harmoniza as sancións entre estados

O Parlamento Europeo aprobou este martes o acordo que permitirá obter o carné de conducir desde os 17 anos, coa condición de ir acompañado ata cumprir a maioría de idade.
A reforma tamén establece un carné dixital válido en toda a Unión Europea e introduce a retirada transfronteiriza do permiso en casos de infraccións graves.
Co voto favorable da Eurocámara en Estrasburgo, só falta a publicación da directiva no Diario Oficial da UE para a súa entrada en vigor.
A partir dese momento, os gobernos disporán dun prazo de tres anos para adaptar a lexislación ao seu marco nacional.
Retirada do carné válida en toda a Unión Europea
A revisión das normas sobre seguridade viaria pretende reducir os riscos nas estradas, que cada ano provocan unhas 20.000 mortes na UE.
Entre as novidades máis destacadas figura que a retirada, suspensión ou restrición do permiso por infraccións graves terá validez en toda a Unión.
Ata agora, un estado só podía aplicar a retirada do carné no seu propio territorio se o documento fora expedido noutro país.
Co novo sistema, a autoridade que impoña a sanción notificaraa a través da rede europea de permisos de condución (RESPER) para que o estado emisor aplique unha medida equivalente.
A eurodeputada do PNV Oihane Agirregoitia, relatora do informe na comisión de Transportes, destacou que esta reforma permitirá “acabar coa impunidade de quen comete infraccións graves noutros países da UE”, algo especialmente relevante nas zonas transfronteirizas.
“Garantiremos que quen poña en perigo vidas nas estradas responda por iso, sen importar onde teña rexistrado o seu carné”, sinalou.
Carné aos 17 anos e período de proba
A reforma permitirá que as persoas de 17 anos obteñan o permiso de condución da categoría B, aínda que deberán circular acompañadas dun condutor con experiencia ata cumprir os 18.
Ademais, establécese un período de proba de polo menos dous anos para os condutores noveis, que estarán sometidos a normas máis estritas e sancións máis duras en caso de infraccións como conducir bebido, non levar cinto de seguridade ou incumprir o uso de sistemas de retención infantil.
Os estados tamén poderán reducir a 17 anos a idade mínima para o carné de camión, sempre que se circule só por territorio nacional e acompañado dun condutor con experiencia. A medida busca paliar a escaseza de profesionais no transporte e, ao mesmo tempo, reforzar a seguridade viaria.
Carné dixital europeo en 2030
A directiva prevé a introdución dun carné de condución dixital recoñecido en toda a UE antes de 2030.
O documento será válido para conducir turismos e motocicletas durante 15 anos desde a súa expedición, aínda que ese prazo se reducirá a 10 anos nos países onde tamén funcione como documento de identidade.
En todo caso, os condutores poderán solicitar unha versión física se o desexan.