Renfe recupera o tren madrugador Lugo-Madrid e reorganiza os AVE coa meseta; na Gudiña reclaman máis paradas
Renfe recupera o tren madrugador Lugo-Madrid e reorganiza os AVE coa meseta; na Gudiña reclaman máis paradas
O presidente de Renfe, Álvaro Fernández, non quixo confirmar a data ou os novos servizos da estación intermodal
A Gudiña celebra a recuperación da parada matinal tras as protestas veciñais, pero mantense a mobilización prevista para este mércores para pedir máis
Ante as preguntas dos xornalistas, Álvaro Fernández, presidente de Renfe, non quixo confirmar os novos servizos e a data definitiva de apertura da nova estación intermodal. Todo nunha conferencia de prensa onde se confirmou o acordo con Concello para adiantar a saída do primer ALVIA do día dirección Madrid. "Trátase de que calquera persoa poda ir a Madrid facer xestións e poida volver no día", comenta o primeiro edil de Lugo, , Miguel Fernández.
Renfe modificará a partir do 20 de maio o horario do Alvia Lugo–Madrid, que actualmente sae da capital lucense ás 11:15 horas, de modo que adiantará a saída ás 5:18 horas, un cambio que, na práctica, supón unha nova oferta a primeira hora da mañá para “mellorar a conexión entre Galicia, Castela e León e Madrid”.
De feito, para optimizar a oferta da alta velocidade neste corredor, Renfe reorganizará tamén outros servizos da conexión Galicia-Madrid. Así o avanzou este luns o presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, no Concello de Lugo, onde foi recibido polo alcalde da cidade
Fernández Heredia estivo acompañado nesa visita polo delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, e a subdelegada en Lugo, Olimpia López, para presentar esas novas frecuencias dos servizos ferroviarios.
Segundo informou a operadora nun comunicado, o adianto da saída do primeiro Alvia ás 5:18 horas permitirá aos lucenses viaxar a Madrid e regresar no mesmo día, ademais de ofrecer unha nova opción de mobilidade madrugadora para os viaxeiros de estacións intermedias como A Gudiña ou Seabra. Desa forma, precisa a compañía, Renfe reforza a conexión territorial e maximiza a eficiencia operativa do servizo Galicia-Castela e León-Madrid.
O servizo de Lugo manterá as paradas habituais do seu percorrido en Galicia, con cambios horarios: ás 5:44 horas, en Sarria; ás 6:10, en Monforte de Lemos; ás 6:52, en Ourense, e ás 7:44 horas, na Gudiña. En Castela e León seguirá con paradas en Seabra AV, desde esa data ás 8:04 horas; Zamora, ás 8:39 horas, e Medina del Campo, ás 9:13 horas. A chegada a Madrid está prevista ás 10:13 horas.
“Este axuste horario permitirá unha mellor mobilidade de primeira hora da mañá, permitindo aos lucenses viaxar a Madrid en horario de mañá e regresar no mesmo día, para poder atender as viaxes para xestións laborais ou administrativas”, subliña Renfe.
Á súa vez, Renfe dá outra opción matinal ao total das estacións intermedias, o que facilitará “a viaxe neste tren madrugador” aos viaxeiros da Gudiña, en Galicia, e das estacións do percorrido en Castela e León, onde Renfe ofrecerá horarios de primeira hora aos seabreses para chegar a Zamora antes das 9 da mañá, “fronte ao horario actual que era moi pouco utilizado”.
Por outra banda, nos trens dirección Galicia-Madrid, o AVE de primeira hora da mañá que sae de Vigo tamén adiantará a súa hora de saída en 10 minutos, de modo que partirá ás 5:50 horas, e terá parada en Santiago de Compostela.
Así mesmo, Renfe reorganizará varios servizos desde Madrid. A operadora realizará dúas modificacións máis nos trens de regreso a Galicia: a AVE Madrid-Vigo das 7:14 horas pasará a saír ás 8:25, coas mesmas paradas e destino; mentres que o Avlo, con saída actual de Chamartín Clara Campoamor ás 8:25 horas, adiantará o seu horario á 6:55 dirección A Coruña, mantendo todas as paradas, o que permitirá chegar á primeira hora a Zamora, Seabra AV ou A Gudiña.
Por último, o tren da tarde AVE Madrid-Vigo, das 16:05 horas, a partir do 20 de maio terá a súa saída programada ás 15:32 horas e realizará parada en Santiago de Compostela ás 18:47 horas.
A Gudiña celebra a recuperación da parada matinal do Alvia a Madrid tras as protestas veciñais
O municipio ourensán da Gudiña celebra a recuperación da parada matinal do Alvia a Madrid despois de meses de protestas veciñais polo illamento desta estación de entrada a Galicia.
Despois da visita a Lugo pola mañá, o presidente de Renfe acudiu á Gudiña esta tarde de luns, acompañado do delegado do Gobierno, Pedro Blanco, para informar do que afecta a este municipio ourensán.
Ao respecto, o alcalde da Gudiña, Néstor Ogando, valorou o compromiso adquirido o ano pasado polo presidente de Renfe de "reconsiderar" a decisión inicial e implementar así horarios que correspondan ás necesidades dos veciños. Celebra esta decisión e recoñece o respaldo da Plataforma Dereito ao Tren.
Nesta liña, o delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, subliña que este cambio de frecuencias é "unha boa noticia" para a mobilidade, o cal achaca a un Executivo central que "se preocupa pola xente".
Mantense a mobilización para esixir máis paradas
A nova parada que suma a estación da Gudiña dá resposta a unha demanda liderada pola plataforma Dereito ao Tren. Con todo, desde o colectivo aseguran que este é un primeiro paso que lles achega un tren útil pola mañá, pero non así polas tardes. A plataforma convoca unha manifestación este mércores na que reclamarán máis paradas do AVE.