Detido en Fene un condutor multirreincidente que circulaba sen carné
O home xa fora investigado en oito ocasións por un mesmo delito contra a seguridade viaria
Vehículo da Garda Civil e axente nunha ponte-Garda Civil de Tráfico
A Garda Civil interceptou en Fene un condutor multirreincidente que circulaba sen carné por perda de vixencia. Todo ocorreu o pasado luns, 17 de novembro, cando os axentes detectaron a un turismo cuxo condutor carecía de permiso na estrada VG-1.2.
Tal como explica a Benemérita, tratábase dun home de 44 anos de idade que non recuperara o carné tras a resolución emitida pola Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña. O feito de exercer a condución nesta situación supón a comisión dun delito contra a seguridade viaria, lembrou.
"O máis alarmante do caso é que este condutor foi investigado por este delito por oitava vez", indica a Garda Civil. As dilixencias correspondentes xa foron tramitadas e remitidas ao Xulgado de Instrución de Ferrol.
Ademais do delito penal, formulouse unha denuncia administrativa contra o condutor por circular coa inspección técnica de vehículos (ITV) en situación irregular.