Vídeos para aprobar o exame de conducir
O novo exame teórico comezará a facerse a partir do ano 2026, aínda que non hai data concreta
En outubro o exame incluirá preguntas sobre os novos sinais de tráfico
Vídeos de situacións reais de risco ao volante para poder aprobar o carné de conducir. Será o ano vindeiro cando entre en vigor o novo exame teórico co que a Dirección Xeral de Tráfico busca mellorar a preparación dos aspirantes e reducir a sinistralidade. Para Andrés Bugallo, director de Autoescolas Faro, o cambio é para ben, malia que aínda non estea claro cando entra en vigor.
"A idea é boa, o espírito da idea é boa porque ao final é que a xente se acostume a avaliar unha situación, non unha pregunta de test estática, porque ti cando conduces non tes cousas estáticas nin A, B ou C , tes que interpretar unha situación".
A Roberto Pérez Abril, profesor da Autoescola San José parécenlle ben os cambios. "É correcto este tipo de exame que sexa mais reflexivo de cara ao alumno, que non sexa tan mecánico, porque chegamos ao punto de que se é tipo test xa nin miramos a pregunta".
Manterase o formato de 30 preguntas cun máximo de tres erros, e incluiranse vídeos curtos con imaxes de diversas situacións nas estradas. Como avance, a partir de outubro os exames incluirán os novos sinais de tráfico. Conta Roberto Pérez Abril que "os sinais en si non varían moito, pero si que hai sinais novos de todo. Nese caso, mesmo hai que ir a páxina web da DXT e ver os novos sinais e saber que nos queren dicir".
Os futuros condutores son optimistas e ven as novidades con bos ollos.
Dende a DXT non falan de datas concretas para a entrada en vigor do novo exame con vídeos. Estiman que sexa ao longo de 2026 para que as autoescolas adapten os temarios e a metodoloxía.