Fronte común dos empresarios do noroeste contra as peaxes nas autoestradas
Galicia, Asturias e León pídenlle ao Goberno a liberalización das vías para competir en igualdade de condicións
Fronte común das tres comunidades do noroeste para acabar coas peaxes nas autoestradas. Din os empresarios de León que supoñen unha discriminación en relación a outros territorios.
"O que non pode ser é que o noroeste co seu problema de cohesión teña as peaxes máis caras e que sigan en vigor", razoa Juan María Vallejo, presidente dos empresarios de León.
En Asturias, as peaxes da AP-66 provocaron a mobilización social. Os empresarios reclaman que o Goberno dea un paso adiante.
"Agora hai un informe de Europa que di que é ilegal e por tanto cremos que o Ministerio non pode obvialo e ten ferramentas para facelo", reclama María Calvo, presidenta dos empresarios de Asturias
Galicia reclama o traspaso e a gratuidade da autoestrada AP-9, a vía que vertebra a comunidade de norte a sur para dinamizar a economía.
"Sectores estratéxicos coma o transporte, a loxística ou a industria deberan operar en igualdade de condicións co resto do país e con Europa", di Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia.
Unha demanda unánime que lle van trasladar ao Goberno.