Demandan unha estación de mercadorías en San Cibrao das Viñas
Os empresarios do cinto industrial de Ourense demandan unha estación ferroviaria de mercadorías no polígono de San Cibrao das Viñas, onde se moven o 90 % das mercadorías de toda a provincia
Segundo os seus cálculos custaría uns 20 millóns de euros e liberaría espazo na estación de Ourense
Catro polígonos empresariais máis o Parque Tecnolóxico de Galicia compoñen o cinto industrial máis potente da provincia de Ourense, con 640 empresas que moven uns 180.000 camións de transporte de mercadorías ao ano.
Iago Domínguez Álvarez, xerente do Clúster da Función Loxística de Galicia: "Só con trasladar o 5 % deses camións ao transporte ferroviario daría para 3 ou 4 frecuencias semanais de conexión ferroviaria".
Teñen os terreos, expropiados pola Xunta, e o anteproxecto da estación, que custaría 20 millóns de euros e liberaría espazo, sinalan, na estación central, a de Ourense.
Fernando Martínez Lamas, arquitecto: "Pola capacidade que pode haber de liberar terreos na estación Ourense-Empalme para un uso dotacional moi necesario na marxe dereita do río na cidade".
Nun foro cos distintos actores implicados, os empresarios expuxeron o seu proxecto, que implicaría, engaden, un transporte máis accesible e sustentable.
José Antonio Rodríguez Araújo, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas: "Por un lado, compensamos un pouco a falta de condutores e, por outro lado, limitamos a contaminación ambiental que producen os camións".
Instan o Adif a incluír o proxecto no Corredor Atlántico para facilitar a competitividade das empresas ourensás.