Redondela implanta unha taxa turística que se aplicará dende o vindeiro ano
O Concello deféndea como garante dun turismo sostible e o sector hostaleiro cre que vai prexudicar os negocios
Redondela segue os pasos de concellos como Santiago e A Coruña e aproba unha taxa turística que van ter que pagar os viaxeiros que pernoiten alí.
Desde o Goberno local defenden a medida para impulsar o turismo sostible e desde o sector expresan a súa preocupación. A taxa comezará a aplicarse o vindeiro ano.
Para moitos chama a atención a posta en marcha da medida nun concello pequeno onde a actividade turística se centra principalmente nos peregrinos que chegan a Redondela a través de dous Camiños, o da Costa e o Portugués.
A proposta do grupo AER foi avalada polo PSOE e o BNG. Consideran que é necesaria para compensar o uso que fan das infraestruturas municipais as 500 persoas que visitan Redondela cada día.
Non pensan igual desde o sector, que rexeita a medida.
A taxa que arestora está pendente da aprobación dunha ordenanza municipal comezará a aplicarse no municipio o próximo ano.