Galicia perde máis dun 17% de prazas de avión este inverno
O descenso débese en boa medida ao recorte de servizos de Ryanair
O aeroporto da Lavacolla é o máis afectado
O aeródromo da Coruña é o único que mantén os servizos e incrementa prazas
Esta fin de semana arranca a temporada aeroportuaria de inverno. Galicia perde cerca de 441.000 prazas respecto do inverno pasado. O recorte de servizos de Ryanair é unha das causas principais e o aeroporto de Santiago, o máis afectado.
"É unha faena para todos os usuarios que realmente podemos facer viaxes a baixo custo. Deste xeito, vémonos afectados tanto para viaxes desde Santiago de Compostela como desde Vigo", lamenta unha usuaria.
Na Lavacolla desaparecen 18 voos e máis de 3.000 prazas diarias, a maioría da compañía irlandesa, que só operará desde Santiago con Tenerife, Valencia, Lanzarote, Londres e Sevilla.
A nivel internacional, a capital galega limita as súas conexións directas nos próximos meses, ademais de a Londres, a Suíza e a París.
"Moitos viaxan por traballo e claro, complícanse os traslados", engade outra viaxeira.
Ryanair deixa Peinador sen o seu único destino internacional regular, o de Londres, a partir de xaneiro. As conexións estables durante o inverno no aeródromo vigués cinguiranse a Madrid, Barcelona, Tenerife e Gran Canaria.
Alvedro é o único aeroporto galego que mantén practicamente a mesma oferta, con voos domésticos a Madrid, Barcelona, Málaga, Valencia e Gran Canaria, e internacionais a Londres, Xinebra e Milán.
A terminal coruñesa é tamén a única con incremento de prazas, en concreto un 1,8% máis.
Falamos sempre de voos regulares, pero están previstos no período varios servizos chárter puntuais desde Galicia a destinos como Laponia, Marrakech ou O Cairo.