O Río Breogán vence con autoridade en Manresa (93-104) e relanza a candidatura europea
Os lugueses impuxéronse en todo momento a un rival de postos de play off, e suman a 13ª vitoria da temporada
Un parcial de 2-15 no primeiro cuarto marcou xa a tendencia do partido
O Breogán xa ten 13 vitorias. Pero, quizais, o máis importante do triunfo en Manresa, na pista dun rival que comezaba a xornada en postos de play off, foi como se conseguiu. Porque foi unha desas vitorias incontestables, das que marcan o rumbo dunha temporada. E o cadro lugués, con catro xornadas por diante, pode soñar cun bo remate, que o achegue ás competicións europeas.
O partido comezou co Breogán lanzado, anotando con moita facilidade e limitando ao Baxi Manresa, que foi totalmente superado na primeira metade. Mediado este período, o 2-15 de parcial deulles unha vantaxe de +14, que administraron os de Luis Casimiro durante o resto do cuarto.
No segundo, os lugueses non so mantiveron esa vantaxe, senón que a fixeron subir por riba dos 20 puntos, diferenza que acadaron mediado o parcial, e xa non deixaron baixar practicamente no resto do partido. O 35-59 ao descanso aventuraba a vitoria, pero facía lembrar desconexións doutros partidos cando a renda é grande. Desta volta, os de Luis Casimiro seguiron competindo e, aínda que o Baxi Manresa conseguiu equilibrar o terceiro cuarto (26-26), o triunfo xa non perigaba. No último cuarto quedaba asegurar o average particular, logo da derrota por dez puntos no encontro do Pazo, e pechar unha estatística que deixou a catro breoganistas por riba dos 10 puntos. Comandounos Grant, con 26 e 26 de valoración. O susto deuno Nakic, outro dos breoganistas que superaron os dobres díxitos (14 puntos), que marchou do partido cunha lesión no xeonllo.