O Leyma Coruña reforza o seu xogo interior con Dmytro Skapintsev
O xogador ucraíno mide 2,16 m e é internacional absoluto
Pasou polos Estados Unidos e agora chega de Israel
O Leyma Coruña anunciou a incorporación dun pívot. Trátase de Dmytro Skapintsev, un xogador ucraíno de 2,16 m, nado no ano 1998. Dmytro comezou xogando no seu país, e foi pasando polas categorías inferiores da selección ata estrearse coa absoluta no EuroBasket de 2022.
Posteriormente probou fortuna nos Estados Unidos, disputando a G-League cos Westchester Knicks, cos Maine Celtics e co Rip City Remix. Disputou tamén a Summer League da NBA cos Knicks e cos portland Trail Blazers.
A temporada pasada disputou o campionato israelí, que gañou nas ringleiras do Hapoel de Xerusalem, xogando tamén a EuroCup, na que promediou 5.4 puntos, 5.5 rebotes e 0.5 asistencias. Agora chega á Coruña para reforzar o xogo defensivo co seu impoñente físico, ademais da súa boa calidade no tiro.