O remate das obras de peonalización do centro histórico de Lugo anima á apertura de novos negocios
Aperturas que están a revitalizar o centro histórico logo dunha etapa dura tras a pandemia que derivou no peche de moitos locais
Novos negocios que tamén veñen pór en valor edificios que son emblemas da cidade cunha longa historia detrás
Novos emprendedores collen a remuda de negocios que xa tiñan tradición na cidade de Lugo para reconvertelos ou poñer en valor os edificios nos que están. Cada vez se xeran máis exemplos destes casos.
Un destes casos é o de Jesús Alonso, dono da inmobiliaria Casa Ideal, que abreu nun local que tivo unhas galerías de moda durante décadas.
Alonso explica que á xente lle gusta a reforma do edificio e os seus detalles arquitectónicos e afirma que nos edificios históricos, as propiedades collen máis valor.
A propia inmobiliaria de Alonso tiña este local en propiedade, pero logo de intentar vendela decidiron quedar con ela.
"Intentabamos vendelo con todo o agarimo, pero tamén pensamos e por que nós non podemos estar nese local?, así que fixemos números e aquí estamos", comenta Jesús Alonso.
O sector inmobiliario notou o aumento da demanda de locais no centro histórico. Así é que a dona doutra inmobiliaria, Mónica Santos, relaciona o aumento da demanda coa peonalización do centro da cidade.
"Si que é verdade que coa peonalización que hai máis interese polos locais, que un negocio atrae a outro", explica Mónica Sántos.
Non só abren inmobiliarias. José Lorenzo adquiriu un edificio para abrir unha tenda de comida preparada, Coren Grill, apostando polo centro histórico para chegar á xente de Lugo.
Tamén existen locais que aínda non teñen dono, pero o centro revitalízase e o remate da peonalización axuda ofrecendo unha nova imaxe da propia cidade.
"Mellor porque pensabamos que o centro histórico iba ser un parque temático e os que vivimos aqui queremos que sexa un barrio animado", di unha veciña.
O centro histórico lugués como centro comercial é un exemplo de resistencia. Fórmase por 569 negocios a pé de rúa. O 55 % son comercios e o resto repártese entre o sector servizos e hostalería.