O Rácing encadea o terceiro derbi cun partidazo en Riazor (sábado, 16:30 horas)
Os dous equipos chegan moi parellos á cita. O equipo ferrolán ten 10 puntos, pero aínda non gañou como visitante e o Fabril suma 8 con dous triunfos en Riazor.
Terceiro partido de rivalidade consecutivo para o Rácing. Será este sábado en Riazor en directo pola Televisión de Galicia (16:30 horas). Perdeu o do Lugo (1-0), gañou o do Pontevedra (2-0) e agora buscará na Coruña manter a dinámica ascendente.
O Rácing ten 10 puntos, está a un só punto do terceiro clasificado pero afastado de Unión Deportivo Logroñés e Lugo, líderes destacados. A súa fortaleza está nos partidos que xogou como local onde o gañou todo. Como visitante leva un punto de nove posibles, unhas cifras insuficientes para un equipo que aspira a todo.
Similar é a dinámica do Fabril que leva 8 puntos neste inicio do campionato. Ao igual que os departamentais a fortaleza está en Riazor onde lle gañou á Ponferradina e ao Real Unión de Irún. Acaba de perder no campo do Logroñés e Manuel Pablo lanza unha mensaxe ao seu cadro de xogadores: "Estamos aprendendo que non estamos ao nivel dos equipos que temos por diante. Temos que medrar e ter fame".
O Fabril terá dúas baixas moi importantes na zona de ataque. As baixas no primeiro equipo do Deportivo fan que Kevin Sánchez e Martín Ochoa teñan que ir a San Sebastián co que non poderán xogar co Fabril.