Yoel Lago, o mellor do Celta no mes de setembro
O central de Ponteareas foi elixido despois de converterse en indiscutible para Claudio Giráldez
Xogou todos os minutos nos catro partidos de Liga nun mes no que o Celta non perdeu ningún partido
Yoel Lago (Mondariz, 2004) gañouse nesta temporada a condición de titular indiscutible na defensa do Celta. Os problemas físicos de Starfelt abríronlle a porta á titularidade e non está disposto a soltar esa condición. Nos catro partidos do mes de setembro xogou todos os minutos na Liga, un mes no que o Celta non perdeu ningún partido -3 empates e 1 vitoria-.
A campaña pasada, a primeira de Yoel como xogador do primeiro equipo, tivo momentos de dúbida e non participou en ningún encontro no campionato da regularidade entre setembro e abril. Mesmo se falou de que o mellor para el era marchar cedido e ter continuidade pero o bo final de tempada e as sensacións na pretemporada facían que Yoel afrontase dun xeito completamente distinto este 2026-27.
É o xogador de campo máis empregado por Giráldez (584 minutos polos 578 de Miguel Román) e mantén a fortaleza e o ímpeto que o caracterizaron ao longo da súa traxectoria. "É un soño estar no primeiro tempo e acadar un premio así é moi especial" comentou á canle do club. Yoel fala da ilusión que hai dentro do vestiario: "Vimos dunha vitoria, a parada amolounos un pouco, pero estamos moi ilusionados co que temos por diante".