Hidalgo terá que exprimir o cadro do Deportivo para atopar un novo xeito de atacar
As ausencias de Aubameyang, Zakaria e Casadó condicionan o futuro a curto prazo
"Isto vai de sufrir, de ir con todo", comentou Hidalgo sobre un Yeremay que debe dar un paso adiante
O domingo o cadro coruñés xoga diante da Real Sociedade
Antonio Hidalgo precisa recompoñer a súa liña ofensiva para as vindeiras semanas. Os acontecementos antes da parada foron fatídicos na zona de ataque e perderá ata finais de novembro a Aubameyang e Zakaria. Tamén está lesionado Marc Casadó que terá que agardar aínda máis para incorporarse á dinámica do grupo.
Con este panorama o Deportivo visita o domingo a Real Sociedade (16:15 horas) cunha tarefa clara para o adestrador; atopar un novo xeito de xogar en ataque. Yeremay parece ser a peza mestra que debe incorporar á titularidade. Despois dun inicio de campionato marcado polos seus problemas físicos o canario comeza a achegarse ao máximo da súa condición física: "Isto vai de sufrir, de ir con todo", asegurou sobre el Hidalgo.
Tamén o camerunés Bil Nsongo terá máis responsabilidade. Ata o de agora faltoulle un gol que si atopou na súa estrea coa selección de Camerún: "Todo o bo que lle pase a Bil teno merecido", comentou o adestrador deportivista que tamén asegurou que o camerunés "é dunha pasta diferente. Non está ansioso polos goles. Todos saben o que nos dá, a presión, a fame ...". Xunto a el poden entrar na convocatoria Kevín Sánchez e Martín Ochoa, dous habituais no ataque do Fabril.
Houbo outros tres internacionais que estiveron fóra dos adestramentos durante esta parada: Giménez, Ede e Noubi. Hidalgo entende que "a fatiga deses xogadores vai existir e analizaremos como está cada un para ver si pode xogar diante da Real Sociedade".