O Rácing adiántase en Barakaldo pero acaba perdendo (2-1)
Os ferroláns adiantáronse cun autogol de Dufur
Eric igualou antes do descanso, e San Bartolomé culminou a remonta no treito final
O Rácing perde a segunda praza, agora en poder do Celta Fortuna
O Rácing non puido culminar o traballo en Lasesarre, onde se adiantou no treito final e, con dous goles dos denominados psicolóxicos, un en cada parte, acabou perdendo o partido.
As primeiras aproximacións foron para o Barakaldo, nas botas de Galarza, que rematou cruzado un pase en profundidade, e de San Bartolomé, que culminou cun remate desviado unha conducción pola frontal.
Pero o primeiro gol sería para o Rácing. Foi nunha acción a balón parado que tocou Dufur contra a súa propia portería, superando a Aspizua e adiantando aos departamentais.
O gol espoleou aos locais, que foron inclinando o campo ao seu favor no treito final. Intentouno Eric no 38 cun remate que marchou pegado ao poste. E conseguiuno no 44’, cun remate polo mesmo sitio que, esta vez si, bateu a Miquel Parera para enviar o partido empatado ao descanso.
Na segunda metade, o Barakaldo confirmou estar en mellor momento co Rácing, e gozou dun par de boas ocasións. No minuto 62, un remate ao poste caéulle a San Bartolomé, que marcou. Pero estaba en posición incorrecta.
O partido entrou nun treito en que parecía que podía caer para calquera lado, e aí apareceron os porteiros: Ispizua para facer unha dobre intervención incrible diante dos remates de David Carballo e Pascu, aínda que a acción quedou invalidada por falta. E Parera para desbaratar cos pés un remate de Álex Valiño. Non puido facer nada o Parera no 85, cando unha conducción polo centro de Arana rematou cun balón solto para San Bartolomé. Desta volta non perdoou e acadou o 2-1 para o Barakaldo.
Quedaban aínda minutos, pero o Rácing, que foi a menos na segunda metade, non foi quen de chegar con perigo á área local. Derrota pola mínima que priva ao equipo ferrolán da segunda praza da táboa.