A UD Ourense cae no duelo de cabeiros de Salamanca (3-1)
Rufo acadou o tanto do empate na segunda metade, pero o 2-1 e a expulsión de Samu Pardo foron definitivos
Os galegos seguen sen puntuar na súa estrea na 1ª RFEF
A UD Ourense terá que seguir agardando para estrear o seu casilleiro de puntos na Primeira RFEF. A visita ao Unionistas, o outro equipo que chegaba sen puntuar a esta cuarta xornada, tampouco lles foi propicia aos de Juan Carballo, que perderon por 3-1.
Na primeira metade dominaron os charros, que buscaron o gol cun par de boas accións, especialmente un remate desde a frontal que salvou Manu Vizoso cunha gran parada. A UD Ourense defendíase ben, pero non era quen de achegarse con perigo á área de Álex Daza.
No minuto 42 produciuse unha polémica acción na área galega, unhas mans á saída dun córner, que foron castigadas con penalti, e o árbitro non cambiou a súa decisión no FVS. Así que Álvaro Gómez abría a conta desde os 11 metros.
Á volta de pausa, a UD Ourense meteuse no partido. E conseguiu empatar por medio de Rufo, autor do primeiro tanto dos ourensáns na 1ª RFEF. Foi cunha boa cabezada no primeiro pau tras un centro lsteral. Pero o que aconteceu nos dous minutos seguintes resultou decisivo. Primeiro marcaba Pau Ferrer o 2-1, tamén cunha cabezada no primeiro pau. E, un minuto despois, Samu Pardo era expulsado nunha acción que tampouco corrixiu o FVS. Con dez xigadores, e por detrás no marcador, chegou o 3-1 de Dani Morer tras un rexeitamento da escadra que rubricaba a cuarta derrota ourensanista noutros tantos encontros.