O Celta acariña a vitoria no Bernabeu pero acaba perdendo (2-1)
Pablo Durán adiantou no minuto 6 aos vigueses, que tiveron boas ocasións para ampliar a renda
O Real Madrid estrelouse coa defensa, e non foi quen de empatar nin de penalti no primeiro tempo
Na segunda metade os de Mourinho aproveitaron dous ataques con velocidade para remontar
O Celta tivo nas mans a vitoria no Bernabeu, por segundo ano consecutivo. Pero, desta volta, non foi quen de aguantar a vantaxe e volve sen nada da capital, despois de encaixar o 2-1 definitivo no minuto 85.
Porque o cadro vigués adiantouse axiña, na súa primeira ocasión. Un balón que meteu Ilaix Moriba para Javi Galán na esquerda, cun gran centro do lateral que rematou Pablo Durán no segundo pau para abrir a conta. Era so o minuto 6 e, un despois, Hugo Álvarez remataba desde a frontal, detendo Courtois.
O Real Madrid tardou en reaccionar pero, aos poucos, foi gañando presenza ofensiva. Pero, logo dun par de achegamentos sen disparar entre os tres paus, o Celta volveu ter outra pola banda esquerda. Conduciu Williot, pero rematou moi cruzado.
O guión non mudou, cos remates desviados por parte do Real Madrid,e outra clarísima ocasión nas botas de Williot Swedberg, que rematou desviado un gran servizo de Carreira desde a dereita. A aída tivo unha terceira o sueco, asistido por Moriba, pero sacoulla abaixo Courtois cunha gran man.
Pero, na seguinte acción, Mbappe caeu na área diante de Javi Rodríguez, e o árbitro considerou penalti o lixeiro agarrón do galego. Lanzou o propio Mbappe e o balón marchou ás nubes. No treito final, os brancos seguiron buscando a igualada, pero non estaban atinados no remate e a vantaxe do Celta chegou ao descanso.
Na segunda metade os de Mourinho pecharon aos vigueses no seu campo, pero estes seguían defendendo con solvencia. E, logo dos trocos, tiveron o seu mellor momento da continuación, cunha ocasión de Jutglá e outra de Pablo Durán, cun gran lanzamento que despexou Courtois. Pero foi o preludio da igualada. Na seguinte acción, e nun rápido ataque chegáballe o balón a Bellingham, que rematou raso lonxe do alcance de Radu.
Un disparo axustado de Camavinga que se foi por pouco metía o partido no treito final. E outra vez, cando parecía que o Celta sacudía o dominio e pisaba campo rival, chegou o 2-1. Carlos Espí rematou un centro desde a esquerda e, o rexeitamento de Radu, deixóulle o balón a boca de xerro ao dianteiro, que non perdoou. Aínda quedaba tempo para outra gran parad de Radu diante de Endrick. O Real Madrid facíase coa vitoria, e o Celta quedaba na beira doutra histórica noite no Bernabeu.