O quebracabezas, con case 3 séculos de vida, non pasa de moda
29 de xaneiro, Día Mundial do Quebracabezas
É n dos xogos máis populares do mundo, que axuda a pasar o tempo e a estimular as neuronas
O primeiro quebracabezas naceu no 1766. Foi un pasatempo educativo para ensinar xeografía. Hoxe é un dos xogos máis populares do mundo.
"Non hai nada que supere os quebracabezas. É un xogo que non pasa de moda, que é bo para todas as idades que sempre entretén" recoñece Irene Pérez, dependenta dunha xoguetería.
"Eu coa miña nai, co meu irmán, coa miña avoa dende pequena sempre fixemos quebracabezas. Si que é certo que cando empezan con 1.000 pezas, 2.000 faise un pouco máis complicado, pero é moi divertido facelo en familia e pasas tempo de calidade coa xente", conta unha rapaza.
"A min gustábame. Rompía a cabeza, pero pasabas o tempo", apunta unha muller.
Un tempo en que ademais estimulamos as neuronas. Por iso é unha ferramenta moi útil tamén para os terapeutas que traballan con persoas con dano cerebral.
"Sérvenos para traballar a capacidade atencional, o quebracabezas sérvenos para mellor a capacidade de percepción e de integración das partes nun todo nunha imaxe e sérvenos para mellorar as funcións executivas, a forma de planificacións, a supervisión de se o fixen ou non o fixen ben, se non saíu ben teño que ser flexible, teño que cambiar, buscar outras opcións, entón é unha ferramenta moi útil, moi versátil e ademais moi gustosa porque ao final non deixa de ser un xogo entón a xente motívaa traballar mediante este tipo de material", explica Noelia Ouro, neuropsicóloga da Asociación Dano Cerebral Santiago de Compostela.
Tamén axuda a exercitar a memoria visual.
"Téñense que fixar en cores, en formas, en tamaños entón é moi útil tamén para ser capaces de coas pequenas partes construír un todo", continúa.
E ese todo chega cando poñemos a última peza. Superar o reto é cuestión de paciencia e esforzo e supón tamén subir un chanzo de autoestima.