Galicia ten unha das coleccións de xoguetes máis valiosas de Europa, grazas a Antonio Chaves
Antonio Chaves é un gran coleccionista e un persoeiro vencellado á cultura
O pazo de Liñares e o Museo do Mar de Vigo amosan a súa gran colección de xoguetes
En Galicia temos unha das mellores mostras de xoguetes antigos de toda España, que abrangue varios séculos e que se pode ver no pazo de Liñares en Lalín. O seu artífice é o vigués Antonio Chaves, quen leva toda unha vida dedicada a reunir estas pezas tan valiosas.
Só teñen que deixar voar a súa imaxinación para adentrarse neste mundo de fantasía a través de verdadeiras xoias de coleccionista, algunhas delas, moi cobizadas en Europa.
Unha regresión á nosa infancia a través da nostalxia. Iso é o que consegue unha exposición de xoguetes que percorre varios séculos no pazo de Liñares en Lalín, cedidos polo coleccionista Antonio Chaves. Unha mostra fantástica coa que podemos deixar voar a nosa imaxinación a través de catro salas.
Unhas mil pezas que repasan a historia do entretemento e que só supoñen o 10 por cento da colección que posúe Chaves, un persoeiro moi vencellado á cultura, escritor e tamén artista.
O Museo do Mar de Vigo tamén acolle outra exposición de Chaves, unha sala baixo o nome de Ludomar con xoguetes vencellados ao mar.
Galicia tivo firmas vencelladas ao sector do xoguete como Fundaciones Rey en Vigo, pero tamén houbo empresas que facían colaboracións coas marcas máis importantes en España.
O xoguete ten a súa cara pedagóxica, histórica e tamén cultural porque transcende xeracións. Pero ademais, na colección de Chaves hai verdadeiras xoias como este Bugatti... e outras moitas.
Dous santuarios dedicados aos xoguetes e á fantasía que paga a pena visitar sexa vostede neno ou adulto porque a emoción non entende de idades.
E lembren que o mellor xoguete é a imaxinación.