O presidente do TSXG considera preocupante a situación dos xulgados do civil pola sobrecarga de asuntos
O presidente do TSXG considera preocupante a situación dos xulgados do civil pola sobrecarga de asuntos
Considerou un erro que na Coruña e en Vigo os novos xulgados de violencia de xénero supoñan a eliminación dos xulgados de instrución
Asegura que é perfectamente respectable a decisión do fiscal xeral do Estado de manterse no cargo

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, considerou preocupante o estado da xurisdición civil en Galicia, debido ao aumento e á sobrecarga que teñen de asuntos.
"Creo que é preocupante o estado da xurisdición civil en toda Galicia, diría que en toda España tamén, pero en toda Galicia si, polo aumento e a sobrecarga que teñen de asuntos e porque non se axudou e non se atallou isto de raíz na época da pandemia, cando se axudou a outras xurisdicións, pero non á xurisdición civil", apuntou nunha entrevista na Cadena Ser Galicia, recollida por Europa Press.
Ademais de reforzar a xurisdición civil, tamén apuntou ás situacións dos órganos colexiados que teñen a propia sección civil, por exemplo, a Audiencia de Lugo e algúns outros que tiveron unha sobrecarga moi grande debido á distribución territorial que teñen. "O caso máis claro que temos en Galicia neste momento serían os xulgados de Viveiro", puntualizou.
Así mesmo, o presidente do alto tribunal galego considerou un erro que na Coruña e en Vigo os novos xulgados de violencia de xénero supoñan a eliminación dos xulgados de instrución.
A continuación, ante o aumento do número de denuncias por violencia de xénero, indicou que iso o interpreta como que as vítimas confían máis no sistema e se animan máis a denunciar.
"Eu creo que a violencia de xénero non a podemos atallar só con medidas policiais e xudiciais", afirmou, polo que pide unha educación especifica no ámbito familiar e escolar de rexeitamento en materia de violencia de xénero. Ten que haber medidas; por exemplo, limitar aos nenos o acceso á pornografía.

García Ortiz
Por outra banda, consultado sobre a causa aberta contra o fiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz, descartou pronunciarse sobre iso, pero destacou que é un gran profesional.
"Coñezo a Álvaro García Ortiz, cónstame que é un gran profesional, traballou moitos anos aquí en Galicia e eu creo que as decisións que el toma para preservar a dignidade do cargo e as súas decisións persoais son perfectamente respectables", sentenciou.
Folga e politización da xustiza
En canto á folga de xuíces, asegurou: "Non comparto a folga e, por tanto, non a secundo, xa que os xuíces son un poder do Estado e non se poden poñer en folga".
"Ademais, non somos un poder do Estado calquera, somos o que garante o equilibrio de poderes e o propio Estado de dereito e a democracia", explicou, ao tempo que descartou que a folga fose por motivos políticos: "Eu descártoo".
Os motivos da folga son respectables, el enténdeos e algúns compárteos, pero insistiu en que, ao ser un poder do Estado, descarta a folga.
Noutra orde de asuntos, o presidente do alto tribunal galego descartou a politización da xustiza e apuntou que ningún xuíz acode a ninguén para que veñan asuntos onde interveñan persoas que están incluídas na vida política.