Publicador de contidos

Publicador de contidos

Obras no verán: prevalece o dereito a facelas ou o dereito dos veciños a descansar?

Obras no verán: prevalece o dereito a facelas ou o dereito dos veciños a descansar?

As multas por incumprir horarios ou exceder no ruído poden chegar aos 3.000 euros

G24.gal 08/07/2025 15:48

Moita xente aproveita o verán para facer obras na casa, pero en ocasións isto acarrea problemas.

Sobre todo cando se trata dun edificio de veciños e hai xente de vacacións.

O dilema é se prevalece o dereito a facer obras ou o dereito a descansar.

"O máis duro é que esteas durmindo a sesta e te esperten co ruído das obras", dinos unha veciña.

Espertar da sesta ou pola mañá con este ruído non é o máis apetecible, pero o certo é que poden facelo.

O horario das obras depende das ordenanzas municipais de cada concello, e abrangue polo xeral dende as oito da mañá ás nove ou dez da noite.
En canto ao volume, o máximo de decibeles é 35 durante o día e 30 en horario nocturno.

Nun treito da rúa doutor Teixeiro, no ensanche de Santiago, atopamos 4 obras en 4 edificios distintos. Reformas que van dende cambiar ventás ou poñer o pladur á reforma integral dun edificio de sete andares.

Hai empresas de reformas que mesmo pactan coa comunidade a hora en que máis ruído van facer. Xeralmente pola mañá, que é cando máis xente está fóra da casa.
Aínda que a lei nos ampare, o recomendable é informar os veciños con antelación de que imos facer obras para evitar posibles problemas.
Na rúa imponse a comprensión: "As obras hai que facelas no verán porque é cando non chove", di unha muller. Un señor dinos tamén que "todos podemos facer ruído algún día".

Entre semana, vale, pero e en sábado?

Outra veciña dinos que en sábado si que non quere obras, que cómpre darlles descanso a veciños e obreiros.

Pois por lei en sábado tamén se pode traballar, se ben hai que comezar algo máis tarde, por volta das nove e media.
As multas por incumprir horarios ou exceder no ruído poden chegar aos 3.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade