O PP e PSdeG instan o BNG a apoiar a declaración contra a invasión de Ucraína
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, explicou que hai "acordo básico" cos socialistas
Luis Álvarez, portavoz do grupo socialista, amosou a súa "preocupación" ante a postura do BNG, que non respondeu ao texto presentado
Os grupos políticos galegos preparan unha declaración conxunta contra a invasión de Ucraína. Vaise facer pública no pleno que comeza este martes. O requisito é que todos os grupos estean de acordo. Socialistas e populares lamentan que, a estas horas, o BNG aínda non se pronunciase.
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, explicou que hai "acordo básico" cos socialistas sobre o contido da declaración que describe esta guerra como unha "violación clara" do Dereito Internacional por parte de Rusia e inclúe apoiar as accións que se están a levar a cabo pola UE e a OTAN.
Luis Álvarez, portavoz do grupo socialista, amosou a súa "preocupación" ante a postura do BNG que non respondeu ao texto presentado pese a que, na súa opinión, debería de haber "unha condena sen ningún tipo de ambigüidades", por parte de todos os grupos con representación en Galicia.
O deputado socialista reiterou que apostar só polas canles diplomáticas non serve xa que "non deron resultado pese a que se intentaron cunha intensidade sen precedente".
Puy lembrou que por parte do seu partido e do PSdeG "non hai obxección" ao texto negociado e só están pendentes da resposta do BNG.