Tomé dá por rematada a crise aberta tras a ausencia de 3 deputados do pleno da Deputación de Lugo
A reunión dos membros do grupo provincial rematou, segundo relatou o presidente da institución, co "compromiso de non volver repetir ese feito insólito"
Tomé tamén, secretario provincial do PSdeG, desvincula a crise do proceso de primarias
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, asegurou que a crise interna no PSOE provincial está resolta despois da ausencia de tres deputados socialistas no pleno do pasado martes, o que deixou o goberno en minoría de forma puntual.
Tras unha reunión de dúas horas celebrada na tarde deste xoves, Tomé compareceu ante os medios e cualificou o encontro como “tranquilo, con moito debate e longo”. Segundo indicou, todos os asistentes coincidiron en que “o que pasou o outro día non tiña que ter pasado e non volverá suceder”.
Na xuntanza participaron nove dos dez deputados socialistas. O único ausente foi Francisco Cajoto, que tiña asemblea local para renovar a dirección en Foz, aínda que estivo en contacto permanente co resto do grupo.
Tomé recoñeceu que a ausencia dos tres deputados —Iván Castro, Marisol Morandeira e José María Arias, integrantes da lista alternativa nas primarias do partido— foi unha “situación insólita”, pero insistiu en que non ten relación directa co funcionamento da Deputación. “Hai compromiso de todos para que isto non volva pasar”, dixo, e salientou que os cargos públicos “deben estar nas institucións”.
Non haberá cambios na executiva nin medidas disciplinares
O presidente garantiu a continuidade do goberno provincial tal e como está, cos dez deputados socialistas e os tres do BNG. Afirmou que non haberá cambios nas atribucións nin tampouco sancións internas: “Non se pode sancionar á primeira vez”.
Entre os temas tratados na reunión estivo o remate do contrato dunha asesora que apoiara a lista de Iván Castro. Tomé aclarou que “cumpriuse o pactado o ano pasado, xa que o contrato remataba co mandato da executiva e así foi”.
Sobre o fondo da crise, o presidente explicou que o problema foi unha “percepción de falta de comunicación” por parte dos deputados ausentes, unha visión que el non comparte. Con todo, comprometeuse a reforzar esas canles designando á portavoz do grupo, Pilar García Porto, como responsable de mellorar a coordinación interna.
Críticas ao PP polo seu comportamento no pleno
Tomé criticou o Partido Popular por non interesarse previamente polo motivo das ausencias e acusouno de “comportamento pouco exemplar”. Tamén o cualificou de “irresponsable” por votar en contra da apertura da residencia de Becerreá, un dos puntos clave da sesión plenaria.
O presidente confirmou que ese asunto volverá incluírse na orde do día da sesión de xullo. “A residencia vaise abrir”, concluíu.