A princesa Leonor chega a Xixón a bordo do Sebastián Elcano
A princesa de Asturias regresou ao buque escola logo de varias semanas de instrución na fragata Blas de Lezo
Tras esta escala de tres días, o buque escola poñerá rumbo a Galicia, onde a princesa Leonor dará por finalizada a súa formación naval
Ao son das gaitas era recibido o Juan Sebastián de Elcano en Xixón. Será a última escala antes de arribar a próxima semana en Galicia. En cuberta púidose ver saudando a princesa Leonor, que regresaba cos seus compañeiros de promoción da Escola Naval de Marín logo de varias semanas realizando unha formación intensiva na fragata Blas de Lezo.
Os dous buques ábrense ao público a partir de mañá e durante tres días no porto xixonés. E o luns poñerán rumbo a Ferrol, parada antes de regresar a Marín, onde a princesa de Asturias dará por finalizada a súa formación na escola naval tras seis meses navegando.
O día 16, coincidindo coa festividade do Carme, terá lugar a entrega de despachos aos novos oficiais. Unha cerimonia que o ano pasado presidiu o rei Filipe VI.
Antes, a princesa de Asturias recibirá a Medalla de Ouro de Galicia e o título de filla adoptiva de Marín. Tras o verán, a princesa instruirase no Exército do Aire.