Leonor agradece "de corazón" o agarimo recibido na súa primeira viaxe a Navarra
Na compaña dos reis Filipe VI e Letizia, a herdeira coñeceu lugares clave da historia da comunidade foral

A princesa Leonor pechou a súa primeira viaxe a Navarra na que agradeceu "de corazón" o agarimo recibido. Na compaña dos reis Filipe VI e Letizia, a herdeira coñeceu lugares clave da historia da comunidade foral.
Na xornada do venres estivo en Viana, que dá nome a un dos seus títulos e visitou a igrexa de San Pedro, o primeiro templo que se levantou no século XIII. Tamén se achegou ata o mosteiro de Leyre, o "primeiro panteón real de Navarra".
O sábado continuou a viaxe no Palacio Real de Olite, construción ordenada en 1402 polos reis de Navarra, cando se lles quedou pequeno o palacio vello, hoxe convertido en parador nacional de turismo.
No exterior do edificio, un grupo de estudantes de cuarto de primaria do colexio público Príncipe de Viana entregáronlle unha carta explicando o proxecto que realizaron na aula o ano pasado co gallo do 600 aniversario do falecemento de Carlos III, "o Nobre".
Tamén lle deron unha copia dunha placa que hai na fachada do colexio explicando con códigos QR, en castelán, éuscaro, inglés e francés, a vida do príncipe de Viana.

Visita a Tudela
A princesa trasladouse despois a Tudela, onde visitou a casa do concello e o palacio do marqués de San Adrián, actual sede da UNED. Alí mantivo un encontro con representantes da Cámara de Comercio, da Xunta de Bárdenas Reais e de colectivos xuvenís.
Durante estes dous días, os monarcas e a súa filla conversaron coa cidadanía que se achegou a recibilos nas distintas paradas. Tamén se fotografaron con eles e a herdeira chegou a asinar autógrafos.
A familia real estivo acompañada pola presidenta do Goberno de Navarra, María Chivite; a ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz; o presidente do Parlamento de Navarra, Unai Hualde, e a delegada do Goberno en Navarra, Alicia Echeverría.
Agradecemento
A princesa Leonor asinou no Libro de Ouro do Palacio de Navarra cunha mensaxe no que agradeceu "de corazón" o "agarimo co que me recibistes na miña primeira visita oficial á Comunidade Foral de Navarra".
"Sinto un gran respecto e estima polo que supón este título de princesa de Viana e o feito de poder ver ese documento orixinal de hai máis de 600 anos no que este título queda instituído para os herdeiros do Reino de Navarra, comprométeme e responsabilízame para comprender aínda máis a súa dimensión histórica e simbólica. Con todo o meu afecto. Leonor, princesa de Asturias e de Viana", escribiu.
Este sábado en Tudela, tamén deixou unha mensaxe no libro de honra do Concello.
"Termino aquí en Tudela a miña primeira visita oficial á Comunidade Foral de Navarra. Hai seis séculos que o rei Carlos III "o Nobre" creou o título que hoxe me vincula a esta terra. E, aínda que foi breve o meu paso por Navarra, estes días servíronme para sentir que a miña unión e o meu compromiso con esta comunidade son aínda máis firmes", destacou.
Na súa mensaxe, Leonor tamén expresou o seu desexo de "regresar a miúdo e seguir coñecendo e acompañando un pobo emprendedor e comprometido".
"Un pobo que é un orgullo para España", engadiu.