Publicador de contidos

Publicador de contidos

Gonzalo Caballero: "Necesitamos un gran pacto contra a corrupción"

Gonzalo Caballero: "Necesitamos un gran pacto contra a corrupción"

O exsecretario xeral do PSdG asegura que Cerdán lle pediu que non concorrese ás primarias de 2023 das que saíu o candidato á Xunta 

O exlíder dos socialistas galegos pídelle á dirección do PSdG un cambio na folla de ruta

G24.gal 28/06/2025 18:53

O exsecretario xeral do PSdG, Gonzalo Caballero, confía en que o próximo Comité Federal do PSOE  implemente un programa  de acción contra a corrupción que despexe calquera sombra de dúbida sobre o partido.

Nunha entrevista na Radio Galega, Caballero afirmou que "hai millóns de cidadáns esperando unha resposta", malia que admitiu que se están tomando "as medidas axeitadas" en relación á presunta trama de corrupción que salpica os dous últimos secretarios de organización, José Luis Ábalos e Santos Cerdán.

"Houbo que cambiar un goberno do PP pola Gurtel e agora o Partido Socialista ten que tomar todas as decisións necesarias para poder sacar todo aquilo que está sucio e quedar como referente dunha política limpa".

O que fora líder dos socialistas galegos, apelou a un gran pacto contra a corrupción e a unha reforma da lei de partidos máis contundente e que esixa unha maior transparencia.

"Mellorar a loita contra a corrupción é a mellor forma de mellorar a democracia"

Caballero pediu deixar actuar a xustiza e respectar os seus tempos. Con todo, afirmou  ter "un xuízo fundado que non é para nada positivo".

Ao preguntarlle pola posibilidade de eleccións xerais anticipadas, o exsecretario xeral do PSdG sinalou que "é o presidente o que ten as competencias" e que non vai entrar en especulacións.

Interferencias no PSdG

Gonzalo Caballero referiuse ás interferencias do que fora número tres do PSOE, Santos Cerdán, nos procesos internos do partido en Galicia.

Segundo explicou, Cerdán pediulle que non concorrese ás primarias das que saíu a candidatura para as eleccións autonómicas de 2024.

"Santos Cerdán pediume, en nome de Ferraz, que eu non concorrese ás primarias. Aquela manobra acabou levando o PSdG ao peor resultado da nosa historia e á situación de irrelevancia na que estamos actualmente".         

O exlíder dos socialistas galegos tamén se referiu ás crises abertas en Santiago e Lugo. Gonzalo Caballero lamentou que o partido "teña en Santiago menos concelleiros que en ningunha outra cidade de España" logo de que Ferraz expulsara catro edís que racharon a disciplina de voto. Tamén se queixou da situación da Deputación lucense, onde tres deputados críticos co presidente se ausentaron esta semana dunha votación.

"A situación no PSdG é complexa porque cando non se orientan ben as cousas, a seguinte fase é o descontrol. Hai que fortalecer o partido  cun proxecto que poña a Galicia por enriba de todo. Se o PSdG  non pasa a unha nova fase de rexurdimento, estaremos prorrogando unha situación de agonía".

Gonzalo Caballero pídelle á dirección do PSdG que cambie unha folla de ruta que considera "errada".

 "Galicia necesita dun PSdG forte para ter unha oposición que poida confrontar cos proxectos  do PP  e do goberno a Xunta e para que poida haber alternancia máis pronto que tarde"

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade