Dimiten os catro concelleiros socialistas de Oia por discrepancias coa nova executiva local
Os edís denuncian falta de recoñecemento e aseguran que a situación dificulta o seu labor
O Concello está gobernado polo PP con maioría absoluta

Os catro concelleiros do PSOE no Concello pontevedrés de Oia presentaron a súa renuncia ás actas por "discrepancias políticas" coa nova executiva local do partido, elixida o pasado mes de maio e encabezada por José Miguel Sánchez Alcalde como novo secretario xeral.
Segundo indicaron, a dimisión formalizarase no próximo pleno, previsto para o xoves da semana vindeira.
Os edís afectados son Gerardo Rodríguez, Cándido Castro, Américo de Oliveira e Belén Pulido.
Nun comunicado, aseguran que a situación coa nova dirección local "dificulta o desenvolvemento dos cargos coa eficiencia que se merece". Aseguran sentirse "pouco valorados e sen recoñecemento pola súa labor" e consideran que é o momento de dar un paso a un lado para facilitar o proxecto da nova executiva.
"Agardamos que o novo grupo municipal actúe libremente e acorde coa nova forma de facer política e oposición", engadiron, convencidos de que "aínda queda tempo suficiente para que o PSOE de Oia consiga o que todos desexamos: gobernar para mellorar o concello e a vida dos veciños".
O Concello de Oia está gobernado con maioría absoluta polo PP, que conta con seis edís. O PSOE tiña catro concelleiros e o BNG un.
Esta dimisión chega poucos días despois da saída en bloque da executiva do PSOE de Salceda de Caselas e dos seus dous concelleiros, tamén por desacordos internos, neste caso coa agrupación provincial do partido.