Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres deputados que se enfrontaron a Tomé nas primarias do PSdeG non asisten ao pleno da Deputación de Lugo

Tres deputados que se enfrontaron a Tomé nas primarias do PSdeG non asisten ao pleno da Deputación de Lugo

Os deputados Iván Castro, José María Arias e Marisol Morandeira deixaron o Goberno bipartito en minoría no pleno ordinario deste martes, o que provocou a perda de varias votacións, entre elas, unha sobre a residencia de maiores de Becerreá

G24.gal 24/06/2025 13:21 Última actualización 24/06/2025 15:01

Tres deputados provinciais do PSdeG-PSOE que se enfrontaron ao actual presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, no proceso de primarias para elixir o secretario xeral do partido nesta provincia non acudiron este martes ao pleno da institución provincial.

En concreto, faltaron á sesión o portavoz do partido en Paradela e deputado provincial, Iván Castro, quen encabezou a candidatura que se enfrontou á liderada por Tomé no proceso de primarias, pero tampouco acudiron o alcalde de Castroverde, José María Arias, e a de Guitiriz, Marisol Morandeira, que apoiaron publicamente esa alternativa durante o proceso.

Esta situación deixou o Goberno provincial bipartito, formado por socialistas e nacionalistas, en minoría no pleno ordinario da Deputación de Lugo.

Aínda que a primeira proposta, a declaración institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ aprobouse por unanimidade, o resto de puntos da orde do día non saíron adiante ao quedar o equipo de Goberno en minoría, entre eles a proposta da actividade económica e réxime xurídico do Centro de Atención a Persoas Maiores de Becerreá.

O presidente da Deputación e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, foi reelixido a finais de abril como secretario xeral do Partido Socialista na provincia de Lugo, ao obter o 58 % dos votos dos militantes, fronte ao 42 % que conseguiu o outro aspirante, Iván Castro. 

O portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Antonio Ameijide, asegurou despois do pleno que “chaman poderosamente a atención as ausencias e concretamente os asentos” que quedaron baleiros nesta sesión.

En declaracións aos medios de comunicación, dixo que ao presidente da Deputación “igual lle saíu mal tentar coser as costuras dentro do PSOE a machetadas”, e preguntábase se “corren as augas revoltas no PSOE da provincia de Lugo, igual que polo río Sil cando andaba de paseo con Santos Cerdán”.

“Tomé debeu de quedar mudo, porque non ofreceu ningunha explicación ao esperpento vivido hoxe no pleno da Deputación. Do mesmo xeito que Sánchez, está a quedar só, escondido e en silencio”, dixo o portavoz popular, quen lamentou que “o peor é que os veciños da provincia pagamos as pelexas internas do PSOE e sufrimos a debilidade dun goberno débil e sen liderado”.

Despois de pedir esta semana a dimisión da presidenta provincial do PP, Elena Candia, Ameijide recomendoulle a Tomé que mire “para a súa casa, porque despois do vivido hoxe no pleno, queda claro que son moitos os problemas internos que ten e non parecen fáciles de solucionar”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade