A Xunta pídelle ao Concello de Vigo que desbloquee a construción da residencia da fundación Ortega
O centro vaise levantar en terreos da antiga Escola de Telecomunicacións da Armada en Teis
Xa están en marcha as obras de urbanización pero é necesario un convenio co Concello e coa Zona Franca
A antiga ETEA, a Escola de Telecomunicacións e Electrónica da Armada de Vigo, volve emitir ruído. Dende que pechou en 2002, presentáronse varios proxectos para darlle novos usos pero a realidade é que a maior parte do terreo permanece abandonado. Agora empezaron, por fin, as primeiras obras.
A Xunta está urbanizando a parcela na que se vai construir unha residencia de maiores da fundación Amancio Ortega, o primeiro novo equipamento que se levante alí. Pero, para por completar ese plan, o Concello de Vigo e a Zona Franca teñen que asinar un convenio para ceder e preparar os accesos e as conexións dos servizos. As tres institucións negociaron un acordo pero, de momento, non está pechado. Por iso, nunha visita ás obras, o presidente da Xunta pedía a colaboración das outras administracións.
"Non ten ningún sentido que a fundación Amancio Ortega non poida pechar o seu programa de residencias porque lle falta unha onde se están concentrando os maiores contratempos", laíabase Alfonso Rueda nas instalacións da antiga ETEA de Teis.
A fundación Ortega xa lle entregou á Xunta catro residencias de maiores, a última a da Coruña, e ten en obras outras dúas. A de Vigo debería completar o seu plan. Ademais, para a que foi escola da Armada hai outros proxectos. O CSIC prevé trasladar alí a sede de Vigo do Instituto de Investigacións Científicas e as tres universidades galegas presentaron un gran proxecto para crear un Campus do Mar con varios centros científicos.