Milleiros de fieis achéganse ata a Romaría do Corpiño no seu día grande
Moita devoción entre os milleiros de asistentes á Romaría do Corpiño
Son moitos os que lle veñen pedir á Virxe pola súa saúde
Coñécese historicamente polos casos de posesións e exorcismos que, presuntamente, se realizaban na capela
Moita devoción no día grande da Romaría do Corpiño. A parroquia de Santa Baia de Losón énchese cada ano de milleiros de fieis que veñen venerar a Virxe e pedir pola cura de enfermidades.
"Eu veño por miña irmá, que lle detectaron un cáncer, e veño ver se me pode axudar", comenta unha das asistentes.
Unha Virxe considerada por moitos milagreira, pois aseguran que xa lles axudou en moitas ocasións.
"Eu levaba moitos anos con tose e miña nai veu xunto á Santa. Ofreceume, tróuxome un pano e, ao poñelo, ao día seguinte xa non tiña nada", asegura unha das devotas.
Esta romaría destaca, entre outros motivos, pola autenticidade da procesión, en que a imaxe da Virxe pasa sobre as cabezas dos devotos. Tamén é coñecida historicamente polos casos de posesións e exorcismos que, presuntamente, se realizaban na capela.
"Vin xente que, ao achegarse á Virxe, caeu para abaixo. Había un cura que che pasaba e non sabías o que dicía el. Dicía algo, pero ti non sentías", confirma unha das fieis.
Agora, a gran pregunta é: como xorde esta romaría?
"Un día de xuño comezou a chover torrencialmente. Uns nenos, que estaban gardando os seus rabaños aquí, foron refuxiarse á arruinada Capela do Corpiño. Ao entrar viron unha luz moi grande e un resplandor e, no medio dese resplandor, había unha señora moi fermosa. As aparicións repetíronse varios días e a última foi o 24 de xuño do ano 1191, por iso, o día 24 é a Romaría do Corpiño", conta José Criado, o reitor do Santuario do Corpiño.