Día grande da romaría do Santo Hadrián en Malpica
Os romeiros peregrinaron co santo ata a ermida onde se celebran oficios relixiosos durante todo o día
A festa está declarada de Interese Turístico de Galicia
Malpica celebrou este domingo a romaría de Santo Hadrián, unha Festa de Interese Turístico de Galicia que atrae devotos desde que abre o día. Centos de romeiros acompañaron o santo na súa peregrinación desde a igrexa de San Xulián, na vila, ata o seu santuario.
Ás cinco e media da tarde Santo Hadrián emprendía a volta aos ombreiros dos fieis que o acompañaron no seu día grande. Hora e media de regreso á beira do mar, onde romeiros e bañistas ocupan o mesmo espazo en parte do percorrido nas praias de Area Maior e Canido. A festividade inaugura o verán e mantén a devoción co paso dos anos.
"Nós viñemos moitos anos e fomos andando desde a igrexa ata a ermida, que hai catro quilómetros e medio. Santo Hadrián é bo para os vultos, un brazo, a cabeza"
"Traio a cera para o santiño. Tráiolle unha figura de todo o corpo. Vale se traes unha perna ou outra cousa pero eu fago así e xa vai todo. Cando remate a misa entrégolla.
"Falan de que a romaría pode atraer unhas 25.000 persoas, que xa non é cousa menor, e é Festa de Interese Turístico de Galicia"
Algúns asistentes á romaría víronse sorprendidos pola mañá por un home que portaba un coitelo, pero decontado foi identificado e atendido polos servizos sanitarios ante o que podería ser un episodio derivado dunha enfermidade psiquiátrica. A xornada transcorreu sen outras incidencias.