Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sofre queimaduras graves cando tentaba apagar un incendio grande en Cuntis

Sofre queimaduras graves cando tentaba apagar un incendio grande en Cuntis

Un septuaxenario veciño de Furco meteuse entre dúas moreas de toradas de carballo incendiadas coa pretensión de parar o lume cunha mangueira de regar

O incendio desencadeouse este luns ao mediodía mentres o dono da madeira xantaba na vivenda próxima en Furco, Cuntis
G24.gal 24/06/2025 14:07

A altura á que quedaron queimadas as árbores de arredor dá idea do tamaño que alcanzaron as lapas no incendio destas moreas de troncos de carballo localizadas en Furco, Cuntis. Todo apunta a que o seu dono estaba a facer leña, e contra a unha da tarde, tras a parada para xantar, na vivenda próxima decatouse do lume e saíu para sufocalo. Tras o aviso ao 112 o equipo de urxencias municipal mobilizou de inmediato os seus medios, o vehículo de primeira intervención e a motobomba:

"Con dúas moreas grandísimas de madeira ardendo e o dono no medio delas intentando apagalas. Retirámolo do medio do lume cando xa tiña a cara bastante queimada, os brazos... e empezamos a intervención pero como cos nosos medios só non podiamos co sinistro, solicitamos a cooperación do GES da Estrada e pedímoslle ao alcalde que solicitara a intervención de Medio Rural porque necesitabamos moita auga para poder controlar iso", explica Miguel Ángel Couto, xefe de Emerxencias e Protección Civil do Concello de Cuntis.

O Concello tamén desprazou unha pa mecánica para mover as toradas e atacalas con auga.

"É leña toda de carballo, ía moito aire e entón por moito que metías auga cando soltabas aquilo aviva ao cen por cento", sinala Couto.

Foi no medio desa situación de lume tan avanzado como encontraron a Jesús, septuaxenario dono da madeira, tentando cunha pequena mangueira afrontar o lume: 

"Foi evacuado en ambulancia e en principio nós cando o sacamos, que lle dixemos que saíra e non quería saír nin quería ambulancia e o sacamos para un lado e xa dixemos que tiña unha queimadura grande na cara e insistía... ata que logo quería falar e xa lle custaba. Sabemos que foi trasladado a Montecelo", di o responsable de Emerxencias do Concello de Cuntis.

Segundo nos dixo a súa muller, este mediodía permanecía na UCI do Hospital de Pontevedra con queimaduras graves. Descoñécese como se orixinou o lume.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade