Publicador de contidos

Publicador de contidos

PP e PSOE pactan en Brión para garantir a estabilidade ata final de mandato

PP e PSOE pactan en Brión para garantir a estabilidade ata final de mandato

O acordo inclúe unha dedicación parcial para un edil popular, sen que entre no goberno

O BNG critica o pacto e advirte de "caciquismo" e falta de transparencia no Concello

Pablo Lago, alcalde de Brión Pablo Lago, alcalde de Brión
G24.gal 18/06/2025 20:46

O Partido Popular e o Partido Socialista alcanzaron este mércores un acordo político no Concello de Brión, na Coruña, gobernado polo socialista Pablo Lago.

O pacto fíxose público durante o pleno municipal celebrado na mañá deste mércores, no que os seis concelleiros do PP e tres dos catro do PSOE (unha edil non asistiu) votaron a favor dunha emenda orzamentaria.

Esta incluía unha dedicación parcial de 600 euros mensuais para o concelleiro popular Waldo Carballo, que non se incorporará ao goberno municipal.

O PP fala de estabilidade e o PSOE nega un pacto de goberno

Fontes do PP provincial da Coruña explican que o acordo busca garantir a estabilidade institucional e reforzar a gobernabilidade no municipio. Destacan a boa sintonía co alcalde e aseguran sentirse escoitados en anteriores decisións políticas, polo que consideran "un paso lóxico" reforzar a cooperación "polo ben dos veciños".

Desde o PSdeG insisten en que non existe un pacto de goberno, xa que o edil do PP non entra no executivo. Subliñan que a retribución pola dedicación parcial enmárcase na "normalidade da política municipal".

O BNG critica o acordo e pide explicacións

O portavoz do BNG, Xosé Penas, considera que se materializou un "acordo non oficial" entre PP e PSOE que xa se viña percibindo nos últimos meses, ao votar e presentar propostas conxuntas.

Asegura que este pacto foi negado polo PSOE, que falaba dunha simple colaboración, pero cuestiona esa versión ao lembrar que un representante do PP formará parte do padroado da Fundación Rosalía de Castro, o que interpreta como participación de feito no goberno.

Penas afirma que no pleno recoñeceron abertamente o acordo, xustificándoo na necesidade de estabilidade. Ademais, critica que o PP ofrecese os seus votos ao BNG para nomealo alcalde —unha proposta que di ter rexeitado— e reclama que a dirección galega do PSdeG se pronuncie sobre un pacto que, segundo el, “sobrepasa todas as liñas” e non conta co apoio da militancia tradicional socialista.

O nacionalista lembra tamén que existiu un intento de negociación entre o PSOE e o BNG para un goberno conxunto, pero que non prosperou porque, di, os socialistas consideraron "esixencias excesivas".

Penas defende que a principal demanda do Bloque era garantir a "transparencia", nun Concello onde acusa ao PSOE de exercer durante máis de 40 anos un "caciquismo" baseado na opacidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade