Paula Prado: "O que pedimos é máis dimisións e eleccións, porque isto xa non se sostén"
A secretaria xeral do PPdeG sospeita que pode haber implicados no seo do Goberno: "Isto de cinguilo a tres persoas é surrealista"
Prado pídelle ao Bloque que retire o apoio ao Goberno: "O BNG está pasando de ser cómplice a cooperador necesario"
A número 2 do PPdeG defende a actuación do exconselleiro do Mar trar coñecer a súa imputación: "Foi dilixente, rápido e contundente"
O Partido Popular pídelle responsabilidades ao Goberno polos casos de corrupción que afectan os dous últimos secretarios de organización do Partido Socialista e reclama "máis dimisións e eleccións".
Nunha entrevista no 'Bos días' da TVG, a secretaria xeral dos populares galegos sinalou que "estamos vivindo unha situación insólita, cun primeiro ministro español asolado pola corrupción persoal e política". Para Prado, "en calquera país de Europa só con un caso dos que saen na prensa xa dimitiría o primeiro ministro, como vimos en Portugal".
Prado sospeita que a corrupción pode salpicar membros do Goberno Sánchez, polo que lle pide ao presidente do executivo que abra as urnas, porque "isto xa non se sostén".
"Non se poden facer adxudicacións públicas se non hai complicidade co propio Goberno. Cinguilo a tres persoas é surrealista", afirma a número 2 do PPdeG. Paula Prado súmase aos membros do seu partido que reclaman un adianto electoral: "A cidadanía ten dereito a decidir se quere seguir con este Goberno ou abrir un tempo novo".
"O BNG non pode manterse á marxe como se non fose con eles"
A secretaria xeral do PPdeG pídelle responsabilidades aos socios que sustentan o Goberno. Non cre que os independentistas cataláns lle retiren o apoio a Sánchez porque con el "viven moi ben", pero pídelles aos nacionalistas galegos que movan ficha, "deixen de apoiar o Goberno de Sánchez" e retiren os apoios aos socialistas galegos tanto nos concellos como nas deputacións de Lugo e A Coruña.
"O BNG non pode manterse á marxe como se non fora con eles. O PSOE converteuse nunha organización corrupta e o BNG está pasando de ser cómplice a cooperador necesario".
Prado cre que no seo do PSOE algúns sectores están facendo xa "cálculo electoral". Temen que estes casos acaben tendo "un custo" nas vindeiras eleccións municipais e empezan a pedirlle xa a Sánchez "que adiante a apertura de urnas para depurar a corrupción e chegar a 2027 de forma máis limpa".
A secretaria xeral do PPdeG considera que neste escenario "o PP é a única alternativa ao Goberno corrupto de Sánchez" e "temos que impulsar que o liderado de Feijóo nos leve á Moncloa e nos permita esquecer esta etapa negra de corrupción".
Prado, sobre Villares: "Foi dilixente, rápido e contundente"
Ao preguntarlle pola imputación por presunta agresión sexual do exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, Prado cre que a súa actuación foi "dilixente, rápida e contundente". Lembrou que abandonou o Goberno 24 horas despois de que a xustiza lle comunicara a súa imputación.
Prado pon en valor que Villares renunciara ao aforamento para ser xulgado por un tribunal de xustiza ordinario.