O alcalde de Ames é o primeiro socialista galego que pide a Sánchez o adianto das eleccións
Blas García contradí a liña oficial defendida por Besteiro, quen apoia o presidente do Goberno
En Galicia, os socialistas comezan a pronunciarse tras coñecerse o informe da UCO sobre Santos Cerdán. A liña oficial, defendida polo secretario xeral do PSdG, apoia a Pedro Sánchez, pero hoxe oíuse a voz do primeiro cargo socialista en Galicia disconforme. Foi a voz do alcalde de Ames, Blas García.
O rexedor deste concello limítrofe con Santiago reclama o adianto das eleccións xerais para non coincidir coas municipais e as autonómicas. García considera que a situación é irrespirable tras coñecerse o informe da UCO sobre Santos Cerdán.
Na súa conta persoal da rede social X, Blas García escribía:
"Non son sospeitoso de non apoiar a @sanchezcastajon, pero teño claro que antes do remate do 2025 hai que celebrar as xerais. Debe poñerlles fin a este barullo e á situación política irrespirable; ademais de separar este proceso das municipais e autonómicas."

Os catro edís de Santiago expulsados por Cerdán vanlle pedir a Pedro Sánchez que revise a súa situación
Os catro edís do concello de Santiago expulsados do PSOE anuncian que lle van pedir a Pedro Sánchez que revise as decisións tomadas por Cerdán, como foi a súa expulsión e as probas que supostamente demostran que houbo un proceso de afiliación masiva previa á elección da executiva municipal.