Os coches eléctricos poden estacionar de balde nas zonas azuis?
En Santiago, os coches 100% eléctricos non pagan; en Vigo, A Coruña e Ourense, si, e en Pontevedra, Ferrol e Lugo non hai ORA
As dúbidas xorden en situacións coma esta: ao estacionar un coche eléctrico na zona azul hai que pagar a ORA ou non? En Santiago, por exemplo, os coches 100% eléctricos non pagan; en Vigo, A Coruña e Ourense, si, e en Pontevedra, Ferrol e Lugo non hai ORA. Estas diferenzas crean confusión entre os usuarios deste tipo de vehículos.
"Algúns apostan máis, outros, nada. O usuario non sabe a que aterse e non hai unha aposta seria de cara a que o coche eléctrico teña facilidades para o usuario", asegura Julio Páramo, delegado en Galicia da Asociación de Usuarios de Vehículos Eléctricos.
Facilidades como o estacionamento gratuíto nas zonas azuis. Unha medida que algúns cidadáns aplauden e que outros rexeitan. Aos que están en contra desta medida, os usurios de coches eléctricos respóndenlles que estes vehículos causan menos danos ambientais.
"Dentro dunha cidade é indiscutible que a ausencia de gases de escape mellora o ambiente. Non habería ningunha cortapisa para que se apostara nas cidades porque dentro se funcione basicamente con coches eléctricos"
E por iso cren que é fundamental tomar medidas para axudar os condutores a apostar polo coche eléctrico e a buscar solucións a un dos problemas que máis lles preocupa: a falta de puntos de recarga, que medra a menor ritmo do esperado.