A UCO pide ao xuíz do caso Koldo analizar as contas de Cerdán e buscar bens no estranxeiro
Os axentes piden todas as "informacións sospeitosas de branqueo de capitais" e movementos de máis de 300 euros na última década
Cerdán adquiriu en 2016 case a metade dunha construtora sinalada no informe da UCO
A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil pediu o maxistrado do Tribunal Supremo encargado do caso Koldo que solicite á Axencia Tributaria un informe no que se analicen as contas bancarias, os bens no estranxeiro e todos os movementos fiduciarios do exsecretario de Organización Santos Cerdán entre os anos 2014 e 2024.
Cerdán asegurou que é "completamente falso" o informe que apunta que podería ser copropietario dunha empresa beneficiada con numerosas adxudicacións en Navarra. Non quixo facer ningunha declaración máis diante dos medios que agardaban este mércores ás portas da súa casa. Dixo que non o fará antes de falar co xuiz, e so confirmou que xa ten novo avogado.
Nun oficio deste mesmo mércores, recollido por Europa Press, os axentes lembran que Cerdán xa non goza de aforamento e piden ao instrutor que tamén dirixa mandamentos xudiciais a BBVA, Caixabank e Caixa Rural de Navarra para que lle dean detalle sobre as cinco contas nas que figurou Cerdán, excluíndo "as contas relacionadas co PSOE ou a Fundación Pablo Iglesias".
A Garda Civil pide que o órgano oportuno da Axencia Tributaria achegue un informe centrado nos exercicios de 2014 a 2024 en que se inclúan datos sobre os bens inmobles de Cerdán, as súas relacións societarias, fondos de investimentos, facturas emitidas e recibidas e operacións con terceiras persoas.
Igualmente, a UCO insta o maxistrado a que reclame os rendementos procedentes do arrendamento de inmobles, operacións intracomunitarias, pagos do tesouro, declaracións fiscais -IRPF, IVE ou Sociedades- e as caixas de seguridade alugadas.
No relativo aos bancos, a UCO solicita que se lle remita a información obrante nos seus arquivos "sobre os produtos financeiros" adquiridos, o estado dos mesmos e os titulares e autorizados das contas, así como toda a documentación relativa ás caixas de seguridade que puidese ter contratadas.
Os axentes tamén requiren todas as "informacións sospeitosas de branqueo de capitais que participasen ao SEPBLAC sobre as contas bancarias, así como os expedientes ou análises que sustenten ditas comunicacións". Ás entidades bancarias solicítanlle a información sobre os movementos superiores a 300 euros.