Publicador de contidos

Publicador de contidos

Page di que Sánchez "non ten saída digna" e cre que "queda moitísimo por saberse"

Page di que Sánchez "non ten saída digna" e cre que "queda moitísimo por saberse"

O presidente de Castela-A Mancha cre que é o momento de menor credibilidade para o PSOE na historia

Asegurou que as informacións que máis preocupan a Sánchez aínda non están nos xornais

EFE
G24.gal 18/06/2025 12:43

O presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page, opinou nunha entrevista para a cadea Cope que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, está nunha especie de búnker que é unha "tumba" da que "non hai saída" e augurou que "queda moitísimo por saberse".

García-Page concedeu unha entrevista para 'Herrera en Cope', na que se pronunciou por primeira vez sobre o informe da UCO e a situación que se está a vivir no PSOE logo do ocorrido con Santos Cerdán e Jose Luis Ábalos

O presidente castelán-manchego sinalou que as últimas noticias esnaquizárono internamente e opinou que as informacións que máis preocupan a Pedro Sánchez non están aínda nos xornais. Tamén descartou que o partido se vaia ver envolto nun caso de financiamento irregular xa que "os que pedían diñeiro no último que pensaban eran o PSOE".

"Creo sinceramente que non hai saída. O dramático, o que xera impotencia é que non hai saída digna", lamentou García-Page.

Sobre a carta á militancia de Sánchez, indicou que non sabe se a recibiu e valorou que na primeira desas cartas enviadas polo presidente nacional decidiu optar por unha estratexia de illamento porque sabía que o que viña ía ser duro.

Para Page, o presidente está "bunkerizado" e o osíxeno "facilítanllelo os socios do Goberno que máis que nada son accionistas" e cada vez vano poñer máis caro. Por iso se trata dun labirinto sen saída. "Depende do osíxeno que lle dá a extrema dereita independentista", advertiu.

"Eu creo que é o momento máis grave de credibilidade para o Partido Socialista en toda a súa historia recente. Penso que nos cree moi pouca xente", declarou na entrevista.

Tamén dixo que está prohibida a mobilización interna crítica dentro do partido e que el non está en ningunha carreira de sucesión nin ten ningunha ambición orgánica.

Por outro lado, preguntáronlle pola posibilidade de que os deputados socialistas de Castela-A Mancha rompan co partido e apoien unha moción de censura, tema sobre o que afirmou que non o van facer por instrución súa e que a solución política do país ten que vir de maneira democrática.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade