Ignacio Picatoste, novo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Consello Xeral do Poder Xudicial tamén nomea a Ana María Blanco como presidenta da Audiencia de Ourense
Picatoste aposta por unha xustiza moderna, empática e con menor custo

O Consello Xeral do Poder Xudicial nomeou este mércores a Ignacio Alfredo Picatoste Sueiras como novo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Picatoste, que actualmente preside a Audiencia Provincial da Coruña, accede ao cargo tras a marcha de José María Gómez e Díaz-Castroverde.
Xunto a el, tamén foi designada Ana María do Carmen Blanco Arce como nova presidenta da Audiencia Provincial de Ourense.
Picatoste competía polo cargo con Fernando Alañón Olmedo, maxistrado da Sala Civil e Penal do TSXG e expresidente da Audiencia de Ourense, e con Antonio Fraga Mandián, maxistrado do Xulgado de Primeira Instancia número 8 da Coruña e exdecano dos xulgados coruñeses.
Na defensa da súa candidatura, o pasado 20 de marzo, Picatoste advertiu do incremento exponencial da litixiosidade, un fenómeno xeral en España que, ao seu xuízo, require un plan de actuación urxente para facer fronte á sobrecarga xudicial.
Modernización e melloras na organización
Propuxo modernizar o funcionamento da Sala de Goberno do TSXG, combinando un sistema presencial para os plenos cun formato telemático nas reunións das comisións, co obxectivo de lograr unha xustiza máis áxil, eficaz e con menor custo.
Ademais, subliñou a necesidade de que o TSXG atenda a cidadanía e ás vítimas desde unha perspectiva de “xustiza empática, unha xustiza non hostil”.