Publicador de contidos

Publicador de contidos

A contaminación do encoro das Cunchas chega ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

A contaminación do encoro das Cunchas chega ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Os veciños acusan os concellos da zona, a Xunta e a Confederación Hidrográfica de vulnerar dereitos fundamentais da poboación ao non tomar medidas contra as cianobacterias

Trátase dunha demanda pioneira a nivel europeo

G24.gal 12/06/2025 14:20

Un cartel no albergue da área recreativa do Corgo, en Muíños, advirte de que a auga do encoro non é apta para o baño nin para realizar actividades acuáticas. Hoxe, polas condicións meteorolóxicas, non se aprecia a simple vista, pero os veciños teñen documentados afloramentos das cianobacterias desde antes de 2011, o peor ano ata agora. 

Mercedes Álvarez, integrante da asociación denunciante: "Nós non acusamos directamente granxeiros nin macrogranxas. Non somos policías e non somos quen de buscar a orixe do problema. Buscamos unha solución".

A denuncia que mañá chega ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia reúne máis de 800 folios con informes do CSIC e de varias universidades que alertan da elevada contaminación das augas e do risco para a saúde.

Pablo Álvarez, presidente da asociación denunciante "Empezamos con cianobacterias, que son tóxicas, despois ataques de ácido sulfídrico e agora, o peor, bacterias resistentes a antibióticos".

Os denunciantes son os veciños do lugar das Conchas, en Lobeira, apoiados pola Federación de Consumidores e Amigos da Terra. Acusan a Xunta, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os concellos da zona de vulnerar dereitos fundamentais dos cidadáns ignorando unha situación que atenta contra a súa saúde.

"Pensamos que son eles os responsables de chegar a este extremo porque miraron para outro lado durante moitísimos anos. Queremos que restitúan o que tiñamos, que devolvan o encoro ao que era hai uns anos", conclúe Mercedes Álvarez.

A vista, á que están citadas todas as partes e mais varios peritos que elaboraron os informes, será este venres.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade