Rueda elude dar máis explicacións sobre Villares ante unha oposición que o ve "indigno"
Ana Pontón critica a Rueda por encubrir a Villares durante meses e asegura: "É indigno do cargo que ocupa"
Besteiro pide responsabilidades ao presidente por manter o exconselleiro a sabendas do acontecido: "O seu silencio é un insulto e provoca vergoña"
Rueda acusa a oposición de "utilizar de forma partidista a denuncia" e apela á "presunción de inocencia"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu este mércores en defender a presunción de inocencia do exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, que dimitiu hai unha semana tras ser denunciado por agresión sexual.
O mandatario galego eludiu dar explicacións ao respecto, ante unha oposición que o considera "indigno" de estar no seu cargo.
Na sesión de control ao Goberno celebrada no Parlamento, Rueda acusou a oposición de "sectarismo" e de facer unha "utilización partidista descarada" deste caso e apelou "á presunción de inocencia" do denunciado.
Reiterou que Villares dimitiu "en horas" tras coñecer a súa imputación polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e renunciou así á súa condición de aforado.
A líder do BNG, Ana Pontón, considera a Rueda "indigno" para seguir exercendo o seu cargo e acúsao de "encubrir durante meses un presunto agresor sexual". A xuízo da nacionalista, non está capacitado para seguir como presidente da Xunta.
Tamén o socialista José Ramón Gómez Besteiro opina que Rueda "non é un presidente digno" para seguir a fronte da Xunta. Ao seu xuízo, Rueda demostra co "seu silencio cego" que "non está á altura do cargo que ostenta" e sentencia: "Vostede comeza a ser un problema para Galicia".
A oposición forzou as explicacións de Rueda na sesión de control ao Goberno horas despois de que o PP vetara a comparecencia do presidente na Cámara para abordar este asunto cando se cumpre unha semana da dimisión de Villares tras ser denunciado por agresión sexual.