Galicia supera por primeira vez os 14.000 millóns de teito de gasto
Convértese na primeira comunidade peninsular en aprobalo
Rueda subliña que é unha subida "ambiciosa pero ao mesmo tempo prudente", cunhas contas "realistas" para "non hipotecar" Galicia nun escenario nacional e internacional "incerto"
O Consello de la Xunta deu luz verde a un teito de gasto non financeiro de 14.177 millóns de euros para 2026, un 1,6 % máis que o ano anterior. Supón unha cifra récord na serie histórica.
En rolda de prensa tras Consello extraordinario para a aprobación do teito de gasto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou que "por primeira vez" supéranse os 14.000 millóns, no que cualifica de subida "ambiciosa pero ao mesmo tempo prudente".
Rueda explicou que a subida do límite de gasto é unha decisión “ambiciosa pero ao mesmo tempo prudente”, xa que parte de premisas “realistas” coas que se busca “fortalecer” pero “non hipotecar” a Galicia do futuro.
Este teito de gasto será remitido de xeito inmediato ao Parlamento, para que se debata e vote na súa sesión convocada para o vindeiro luns 4. Deste xeito, Galicia convértese na primeira comunidade peninsular en aprobalo.
Rueda puxo en valor a importancia de contar cunha guía que marque os orzamentos de próximo exercicio, xa que, ao seu xuízo, as contas públicas son o “piar” sobre o que se constrúe “calquera acción de goberno”.
Incidiu en que o previsto para 2026 “é un teito de gasto récord”, que se vai aproveitar “para seguir mellorando a calidade dos servizos públicos”.
Na súa breve intervención, o mandatario galego reprochou que, unha vez máis, Galicia tivo que elaborar o seu teito de gasto sen contar cos datos necesarios, en tanto que “ata hai dous días nin sequera coñeciamos as entregas a conta nin a evolución dos ingresos do Estado”.
Sen convocar o Consello de Política Fiscal e Financeira
Tamén denunciou que aínda non se convocou o Consello de Política Fiscal e Financeira, polo que se descoñece aínda a senda de estabilidade que debe rexer as contas.
En todo caso, a comunidade avanzou na elaboración deste límite financeiro porque “queremos marcar o noso camiño” e garantir que o un de xaneiro de 2026 Galicia poida contar cuns novos orzamentos en vigor.
Sobre esta cuestión, lamentou que esta non sexa a situación que se produce a nivel estatal, onde se opera cunhas contas aprobadas en 2022, “noutra lexislatura e con outro Parlamento”.
Esta cuestión é “moi preocupante” porque “non ter orzamentos limita de forma drástica” as posibilidades de lanzar novos investimentos e poñer en marcha programas novos.
Ademais, prognosticou que, a pesar dos anuncios do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, en 2026 tampouco haberá novos Orzamentos Xerais do Estado xa que aínda que poida haber un “paripé” por parte do Executivo, hai “pouco augurio” de que as contas se vaian aprobar, “como tampouco se aprobaron en anos anteriores”.
Seis anos consecutivos de crecemento sostible
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, subliñou que os recursos propios teñen cada vez máis peso e tamén a redución do endebedamento. Asegurou que "a xestión responsable que a Xunta fai dos recursos permite encadear seis anos consecutivos de crecemento sostible".
Segundo a Xunta, Galicia marca o seu propio camiño e fai os deberes (aprobando o teito de gasto e traballando xa no proxecto de orzamentos de 2026), mentres que o Goberno central nin aprobou os seus orzamentos nin achegou os datos necesarios para que as comunidades poidan elaborar as súas contas.
Nas previsións macroeconómicas a Xunta prevé unha alza do produto interior bruto (PIB) do 2,4 % en 2025, unha décima máis do estimado. Haberá un crecemento máis moderado do PIB en 2026, do 1,9 %. Mentres, pechará 2025 cun taxa do paro do 8,3 %, unha cifra que baixará ao 7,8 % en 2026.