O futuro da lexislatura e o caso Salazar seguen no debate político tras o Día da Constitución
Pedro Sánchez admitiu erros relacionados con Paco Salazar e apuntou cara á economía como sostén da lexislatura
Feijóo cargou contra Vox no acto constitucional e hoxe o PP insinúa que pode haber encubrimento de Sánchez no caso Salazar
Por primeira vez en moitos anos ninguén falou da necesidade de reformar ou retocar a Constitución. A imposibilidade dun mínimo consenso deixou á marxe o tema.
Transcendeu que tanto Pedro Sánchez como María Jesús Montero, nos corros con xornalistas, recoñeceron erros no caso Salazar. Sánchez tamén reivindicou a situación económica como motor da lexislatura na liña do que dixo en público.
"Non deixa de ser paradoxal tamén que falen de que España se afunde e, en cambio, os seus presidentes autonómicos celebren os seus bos datos económicos en cada un dos seus territorios", sinalou Sánchez en alusión ao Partido Popular.
Mentres, o líder do Parido Popular, nos faladoiros con xornalistas criticou a Vox e dixo que "xoga a cousas perigosas" como manterse á marxe da celebración constitucional. Núñez Feijóo tamén se referiu ao caso Salazar e incidiu en que Sánchez tentou tapalo. Unha posición que reiteraba hoxe Esther Muñoz:
"Pedro Sánchez non só non asumiu ningunha responsabilidade, senón que impuxo o silencio no partido socialista, o cal non leva a pensar se podería estar habendo un encubrimento. Non lles permitiu aos ministros dar explicacións. El non deu explicacións".
Outro dos temas que estivo no foco é a singradura do executivo no primeiro semestre do ano vindeiro, con ministras como candidatas autonómicas. Iso obrigaría a sucesivas alteracións na composición do Consello de Ministros.
A previsión é que se celebren eleccións anticipadas en Aragón, con Pilar Alegría en liza, en Castela e León e en Andalucía, con María Jesús Montero como candidata socialista.
Sánchez sinalaba esta fin de semana que iso non implicará remodelacións profundas no seu gabinete ministerial, senón cambios puntuais.