Publicador de contidos

Publicador de contidos

O BNG e o PSdeG fixan condicións para unha moción de censura ao PP de Noia

O BNG e o PSdeG fixan condicións para unha moción de censura ao PP de Noia

O goberno municipal de Noia está en minoría desde setembro de 2024

Daquela, Alamancos pasou ao grupo de non adscritos tras tombar os orzamentos do Concello

G24.gal 28/07/2025 10:12

O BNG e o PSdeG asinaron un acordo para levar a cabo unha moción de censura contra o goberno do PP en Noia, encabezado por Santiago Freire, aínda que requiren do apoio tanto da Marea Cidadá como do exedil do PP, agora no grupo dos non adscritos, Luis Alamancos.

O goberno municipal de Noia está en minoría desde setembro de 2024. Daquela, Alamancos pasou ao grupo de non adscritos tras tombar os orzamentos do Concello. Confirmábase así a perda da maioría que tiña o Partido Popular, ao quedar só co apoio dos seis edís do PP e os dous edís de NO.I.A., fronte a catro do PSOE, os dous do BNG, os dous da Marea Cidadá e o edil non adscrito.

Co PP sen a maioría, os nacionalistas e os socialistas asinaron un acordo para avanzar no que denominan un cambio de rumbo ante o funcionamento cada vez máis desorientado dun Concello sen folla de ruta, para o que apoiarán o socialista Francisco Pérez como próximo rexedor.

Entre os puntos acordados, o PSdeG comprométese a garantir que o grupo do BNG manteña contacto cos departamentos do goberno de Noia, establecendo así unha dinámica de traballo para o desenvolvemento de políticas e proxectos.

O BNG e o PSdeG comprométense a aprobar unha redución do 20 % do gasto político e a establecer un plan plurianual para completar o saneamento integral do municipio, que incluirá polo menos un 10 % de investimento municipal en cada exercicio fiscal.

Así mesmo, inclúense acordos en materia de política social, normalización lingüística ou turismo sostible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade