Publicador de contidos

Publicador de contidos

A xustiza europea avala o proceso de tramitación da Xunta de todos os parques eólicos

A xustiza europea avala o proceso de tramitación da Xunta de todos os parques eólicos

A sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) da vía libre a investimentos superiores aos 10.000 millóns de euros

Dos 86 parques xudicializados, 70 estaban paralizados de forma cautelar polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)

Rueda asegura que a sentenza "abre un novo horizonte de proxectos industriais en Galicia"; a Xunta cre que a sentenza garante a seguridade xurídica

Desde o sector din que a sentenza achega seguridade xurídica. Pero lamentan que hai proxectos xa irrecuperables

G24.gal 01/08/2025 11:22

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) desbloquea o futuro eólico de Galicia trala resolución que coñecemos este venres. O TXUE deu a razón á Xunta na tramitación dos novos parques eólicos, xa que resolve que os estados membros non están obrigados a permitir observacións públicas tras os informes sectoriais.

Desde o sector din que a sentenza achega seguridade xurídica. Pero lamentan que hai proxectos xa irrecuperables. Din os expertos que os parques eólicos contribuirán a ordenar o monte con pistas  que axudan á loita contra os incendios. Desde as pequenas empresas agardan que sirva para abaratar a enerxía.

En 2024 , a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) expuxo unha tripla cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) para que determinAse se a Xunta debeu poñer ao dispor do público interesado, e non só dos promotores, os informes sectoriais sobre parques eólicos para que puidese, no seu caso, formular alegacións e participar no proceso de toma de decisión sobre as autorizacións dos proxectos antes de que fosen aprobados. Eses informes sectoriais conteñen información sobre materia forestal, de augas, de patrimonio natural e cultural, de turismo, de saúde, de enerxía eléctrica e de seguridade aérea, entre outros.

Este venres, o TXUE emitiu sentenza en que declara que a directiva relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente - do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de decembro de 2011, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente, na súa versión modificada pola Directiva 2014/52/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de abril de 2014 - debe interpretarse no sentido de que:

"Non se opón a unha normativa dun estado membro que establece que, no marco dun procedemento de avaliación das repercusións sobre o medio ambiente dun proxecto suxeito a dita directiva, as autoridades que poidan verse afectadas polo devandito proxecto, debido ás súas responsabilidades específicas en materia de medio ambiente ou ás súas competencias locais e rexionais, sexan consultadas ao mesmo tempo que o público interesado, sen que este último estea facultado posteriormente para presentar á autoridade ou autoridades competentes para autorizar o devandito proxecto as súas observacións e comentarios sobre os ditames emitidos polas autoridades consultadas nese contexto".

O Tribunal de Xustiza europa lembra que dita directiva establece que a participación do público debe ser efectiva e producirse nunha fase temperá do procedemento, antes de que se adopte a decisión sobre o proxecto, cando aínda todas as opcións están abertas. Con todo, non esixe que a consulta ao público teña lugar despois da das autoridades nin que este poida necesariamente formular observacións sobre os informes emitidos por estas.

O Tribunal de Xustiza da UE destaca que a directiva deixa aos estados membros certa marxe sobre as modalidades de consulta, sempre que se garanta o acceso á información esencial e un prazo de polo menos 30 días para que o público interesado poida presentar observacións. Nese sentido, se o informe de impacto ambiental elaborado polo promotor do proxecto, conforme á directiva, contén información suficiente e está ao dispor do público durante polo menos 30 días, pode considerarse que se respectou o dereito de participación.

Finalmente, o Tribunal de Xustiza sinala que impoñer a obrigación adicional de someter todos os informes sectoriais a observacións públicas posteriores podería xerar cargas desproporcionadas para as administracións nacionais, en contra do obxectivo de eficiencia do procedemento decisorio recollido na directiva que modificou a directiva relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente.

Rueda cre que "abre un novo horizonte de proxectos industriais en Galicia"

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, celebrou a sentenza que dá a razón á Xunta, e asegurou que se "abre un novo horizonte de proxectos industriais en Galicia" cunha decisión que espera que sexa "respectada" e que sirva para "aproveitar todas as oportunidades" que Galicia "ten por diante".

Rueda asegurou que xa sabían que "os técnicos da Xunta son uns excelentes profesionais que traballan con rigor, profesionalidade e sen outra presión que o cumprimento da lei".

A Xunta celebrou que o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea despexase "toda dúbida" sobre as autorizacións eólicas ao avalar o procedemento de avaliación ambiental levado a cabo nos proxectos novos ou de parques xa existentes.

Tras asistir á lectura pública da resolución xudicial, a secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, Carmen Bouso, dixo que lle dá "a razón" ao Goberno galego ao ditaminar que os países da UE non están obrigados a permitir observacións públicas tras os informes realizados polas autoridades competentes sobre a avaliación do impacto ambiental dun proxecto.

A representante da Xunta aplaudiu que a xustiza europea fixe "con claridade" o seu criterio e considera que a sentenza garante a seguridade xurídica que esixen o Executivo de Alfonso Rueda e o sector en si para desbloquear a "parálise sen precedentes" que sofre Galicia e impulsar a implantación de renovables no territorio para avanzar en transición enerxética e descarbonización.

A situación do sector eólico na comunidade é, nas súas palabras, "única en todo o país" pois en ningunha outra autonomía hai "bloqueo xudicial sistemático a este tipo de proxectos, algo inédito tamén no resto de Europa onde, de feito, a implantación de renovables está declarada de interese público superior".

A Xunta di na nota que nos máis de once anos de vixencia da lei de avaliación ambiental estatal, ningún tribunal español albergou dúbidas sobre se o procedemento fixado na norma axustábase ao dereito comunitario, e que foi o Tribunal Superior de Xustiza galego o primeiro en cuestionalo a través de "sucesivos pronunciamentos" sobre as autorizacións eólicas outorgadas.

O BNG di que, á marxe das resolucións xudiciais, a Xunta debería cambiar o modelo de desenvolvemento eólico. Cren que é depredador co medio ambiente.

Recurso do Petón do Lobo: o inicio da paralización e da consulta ao TXUE

En decembro de 2017, a sociedade Eurus Desenvolvementos Renovables, S.L.U. solicitou á Xunta as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico A Raña III, situado no municipio de Mazaricos (A Coruña). Á súa solicitude acompañou unha avaliación de impacto ambiental conforme ao previsto na lei española de avaliación ambiental.

O procedemento incluíu unha fase de información pública de 30 días, durante a cal se presentaron observacións. Paralelamente, solicitáronse os informes sectoriais dos organismos competentes en ámbitos como o forestal, o da auga, o patrimonio natural e cultural, o turismo, a saúde, a enerxía eléctrica e a seguridade aérea, en aplicación da devandita lei.

O 17 de xuño de 2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu a correspondente declaración de impacto ambiental, e o 30 de xuño dese mesmo ano, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais outorgou as autorizacións solicitadas.

A asociación ecoloxista Petón do Lobo interpuxo recurso administrativo contra esta resolución. Ao non recibir resposta, presentou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no que alegaba, entre outros motivos, a ausencia dun novo trámite de audiencia pública tras a emisión dos informes sectoriais.

Segundo a asociación, isto vulneraría a directiva relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente, interpretada no sentido de que o público debe poder formular observacións sobre os informes clave antes da decisión final, cuestión que agora desbotou o TXUE.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade