O alcalde socialista do Barco deixa o cargo logo de 26 anos: "Chegou o momento"
O rexedor, que fora tamén presidente da Fegamp, será substituído por Aurentino Alonso

O alcalde do Barco de Valdeorras (Ourense), Alfredo García, deixa o cargo e o seu substituto á fronte da alcaldía será Aurentino Alonso, informaron a EFE fontes socialistas.
En declaracións a Europa Press, Alfredo García asegurou que "chegou o momento", xa que, con 72 anos de idade, "as forzas empezan a ser menos" e ser alcalde dun municipio como O Barco "require dunha dedicación intensa".
Tal e como avanzou, xa rexistrou a renuncia e agora hai 10 días hábiles para convocar o pleno que acepte a dimisión, que se celebrará o 18 de agosto.
Alfredo García fai un balance "moi positivo" dos seus 26 anos como alcalde do Barco.
Foi en 1999 cando este rexedor se presentou por primeira vez co anuncio de que con el chegaría unha nova maneira de facer política e son 26 anos os que leva co bastón de mando. Fora elixido concelleiro por primeira vez xa en 1987.
Nacido en Oblanca de Luna (León) ao municipio galego chegou en 1977, ao ser destinado alí como mestre.
Tivo unha paréntese de dous anos en Alacante, pero instalouse definitivamente no Barco en 1980. García fora elixido ademais presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias en 2015, cargo que mantivo durante catro anos.