A Policía defende a actuación en Ferraz: 200 ultras lanzaron botellas e obxectos aos axentes
O PP acusa a Interior de mandar cargar de "maneira inxusta" na concentración ante a sede socialista
O PSOE censura que o PP "non condena" os "ataques" a sedes socialistas

A Policía Nacional asegura que tivo que cargar onte á noite contra un grupo duns 200 ultras na concentración que se celebrou ante a sede do PSOE, na madrileña rúa de Ferraz, contra a lei de amnistía despois de que lanzasen botellas e obxectos contra os axentes e cortasen as bridas que suxeitaban os valos.
Así se desprende do atestado policial, onde se sinala, segundo fontes policiais, que sobre as 20:00 horas os axentes apreciaron que entre a multitude pacífica empezaron a aparecer persoas "co rostro cuberto e estética ultra" e que se situaron en primeira fila, preto do valado.
Ante iso, a policía reforzou a presenza nesa zona, engaden as fontes.
Unha media hora máis tarde un deses individuos saltou o valo e agrediu a un axente, polo que foi detido.
Arredor das 21:00 horas parte dos manifestantes empezaron a abandonar o lugar, á vez que aumentou a presenza de persoas embozadas e de estética ultra.
Sobre as 21:30 varias destas persoas distribuíronse estratexicamente polo valado e empezaron a cortar as bridas que unían os valos, ademais de lanzar botellas de cristal e outros obxectos sobre os axentes.
Tras reforzar de novo a presenza policial en primeira liña, realizouse o lanzamento de fumíxeno inocuo (non lacrimóxeno) como advertencia da inminente intervención.
Produciuse entón unha carga "proporcionada", sobre unhas 200 persoas de estética ultra, recalca o atestado, que precisa que ante o cruzamento de contedores e outros elementos nas rúas contiguas e o lanzamento de obxectos contra os axentes, lanzáronse gases lacrimóxenos.
Outras dúas persoas foron detidas: un home por agredir a un inspector e unha muller por desobediencia.
A Policía Nacional interveu en total unha pa, tres paus de madeira, unha barra de ferro e tres varras extensibles.
O PP acusa a Interior de mandar cargar de "maneira inxusta"
O Partido Popular criticou este martes que o Ministerio do Interior obrigase a policía a cargar de "maneira inxusta" contra os manifestantes que protestaron contra a lei de amnistía fronte ás sedes do PSOE.
Fontes do PP insisten en que, "pese ás mentiras deste Goberno", o Partido Popular non convocou concentración algunha en Ferraz, a diferenza das concentracións que sufriu esta formación en marzo de 2004 despois dos atentados do 11M.
Indican as fontes que onte o Goberno do PSOE obrigou a policía a tratar as persoas que estaban na rúa coma se fosen activistas dos CDR (Comités de Defensa das República de Cataluña). "Non o eran. E fixérono de maneira inxusta, supoñemos que aplicando a vixente lei mordaza", engaden as mesmas fontes.

Lembran que o PP celebrou estes días actos en defensa da igualdade dos españois e que todas esas mobilizacións "foron pacíficas e desenvolvéronse dun modo exemplar".
Tras asegurar que se concentrarán igualmente o vindeiro domingo 12 nas 52 capitais de provincia de España e o 18 na madrileña praza de Cibeles, defenden que a forma de protestar "contra as indignas negociacións do PSOE é facelo de maneira que Pedro Sánchez non logre que se desvíe a atención da súa indecencia".
Insisten en que o PP é un "partido institucional que combate aos que rodeaban o Congreso (Podemos), ían ás súas sedes para insultarlles (PSOE), a atacalas (Bildu) ou aos que usaban a rúa para xerar disturbios (os independentistas)". "En ningunha desas prácticas atopamos inspiración algunha", remarcan.
Por iso, subliñan que van liderar a contestación social e institucional "á rendición de España coa mesma estratexia que sacou á rúa decenas de miles de persoas en convocatorias organizadas polo Partido Popular".
A concentración estaba convocada por Revuelta -un movemento xuvenil que se define como "patriota unitario español"- e repetiuse ante as sedes socialistas doutras cidades españolas. En Madrid a Policía Nacional detivo tres persoas por desobediencia e atentado contra axentes da autoridade.
O PSOE censura que o PP "non condena" os "ataques" a sedes socialistas
O PSOE criticou este martes que o PP non condena os "ataques" a sedes socialistas nas protestas dos últimos días na rúa Ferraz de Madrid e en varias cidades do Estado contra a lei de amnistía.
"Non vemos condenas. Nin aos ataques ás sedes, nin aos vivas a Franco, nin aos berros contra a Constitución, o xefe do Estado e o presidente. Non vemos apoio ás FCSE que onte case ven superada a súa liña e en risco a súa integridade física", denunciaron fontes do PSOE este martes.
Para o PSOE, ademais, o PP "xamais superou" que os cidadáns os enviasen á oposición nas eleccións xerais de 2004 por "mentir" tras os atentados xihadistas do 11 de marzo.
"Conclusión: non aprenderon nada en 20 anos. É o mesmo PP que segue dicindo que hai armas de destrución masiva en Iraq", sostiveron as fontes socialistas.
Así respondeu o PSOE a que o PP asegure que é "posible" que persoas que se concentraron onte ante a sede do PSOE "fixérano tamén" ante a do PP en marzo de 2004, despois do 11-M.