Tres detidos e cargas policiais na concentración en Ferraz contra os acordos de Sánchez para a investidura
É a terceira protesta fronte á sede do PSOE
Sánchez traslada o seu apoio á militancia ante o que cualifica de "ataque á democracia"
Unhas 3.800 persoas, segundo datos da Delegación de Goberno de Madrid, concentráronse por terceira vez ás portas da sede nacional do PSOE na rúa Ferraz clamando contra os pactos do candidato socialista á investidura Pedro Sánchez cos independentistas e contra a lei de amnistía xa pactada con ERC e en vías de negociación con Junts.
Á protesta acudiron ademais o líder de Vox Santiago Abascal e o vicepresidente da Xunta de Castela e León Juan García-Gallardo.
As protestas deixan ademais tres detidos por desobediencia e atentado contra a autoridade. Vivíronse momentos de tensión cando os miles de asistentes trataron de envorcar os valos de seguridade que a Policía Nacional dispuxera para manter os manifestantes afastados da porta da sede do PSOE.
Sobre as 21:30 horas, a tensión medrou e os efectivos tiveron que intervir, lanzando gases lacrimóxenos, pelotas de goma e botes de fume e iniciando unha carga contra os manifestantes que se estendeu polos arredores de Ferraz.
Foi a plataforma Revuelta, unha organización vinculada á asociación estudantil Plataforma 711, que defende os "valores cristiáns" e "da reconquista", a convocadora da protesta.
Os asistentes portaron bandeiras de España e tamén franquistas e carteis en contra de Pedro Sánchez, Puigdemont e a amnistía e berraban lemas como "Sánchez a prisión", "Chámanlle democracia e non o é" ou "Non nos enganan, Cataluña é España".
Pedro Sánchez denunciou a través das redes sociais "o acoso dos reaccionarios" á militancia socialista. "Atacar as sedes do PSOE é atacar a democracia", asegurou o presidente do Goberno en funcións.
Todo mi cariño y mi apoyo a la militancia socialista que está sufriendo el acoso de los reaccionarios a las casas del pueblo.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) November 6, 2023
Atacar las sedes del PSOE es atacar a la democracia y a todos los que creen en ella. Pero más de 140 años de historia nos recuerdan que nunca nadie será…